A MODIFICACIÓN PUNTUAL, PARALIZADA POLO GOBERNO LOCAL, REBAIXA SUSTANCIALMENTE A EDIFICABILIDADE
Na reunión coa veciñanza, Gingko dálle a razón ao BNG ao afirmar que só se ten que ater ao PXOM e non á súa modificación puntual
A este respecto, a concelleira Avia Veira -quen defendeu no Pleno do pasado unha moción que obtivo o apoio maioritario da cámara municipal- fai a seguinte avaliación: “As afirmacións de Gingko veñen darnos a razón no que ten a ver co planeamento que se vai ter que aplicar nas Xubias e veñen descubrir as mentiras do Goberno Local que o BNG denunciou en rolda de prensa e en Pleno”.
“E isto é consecuencia directa do feito de o Goberno Local ter paralizado a modificación do PXOM que propoñía máis zonas verdes, equipamentos e menos edificabilidade”, engade.
Fican ao descuberto as “mentiras” do Goberno Local, remarca Avia Veira
No actual PXOM prevese a construción de 631 vivendas para todo o ámbito, en tanto que a modificación puntual rebaixaría a cifra até as 241.
Baixo o punto de vista de Veira, “o mandato do Pleno é claro: o Goberno ten que tramitar a modificación puntual do PXOM e deixar en suspenso o convenio” asinado con Gingko.
“Anticipámolo este xoves: non imos consentir ningunha actuación que non consista en protexer o bordo litoral, atender os Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel, as causas e consecuencias do cambio climático e dar unha resposta global á fachada marítima desde A Pasaxe até a praia de Oza”, conclúe.