NA SÚA COMPARECENCIA NA COMISIÓN ESPECIAL DA FACHADA MARÍTIMA QUE PRESIDE O PORTAVOZ DO BNG
Jorquera avalía como "moi interesantes" as achegas do presidente do Colexio de Enxeñeiros
Após as de Martín Fernández Prado e Carlos Nárdiz -presidente do Porto da Coruña e autor do informe da UDC sobre a transformación dos peiraos interiores-, a de Enrique Urcola é a terceira das comparecencias programadas nesta comisión.
“Na súa exposición, o señor Enrique Urcola fíxonos reparar na importancia do rol que poden e deben xogar os enxeñeiros na configuración da chamada fachada marítima”, refire Jorquera e nese sentido lembrou “o papel tan importante xogado por insignes enxeñeiros na definición do que serían os Xardíns de Méndez Núñez e da Avenida da Mariña, moi bos exemplos de actuacións que contribuíron á integración porto-cidade gañando espazo público para o desfrute da veciñanza”.
Alén diso, Urcola “fixo suxestións moi interesantes” sobre o método a seguir para a transformación dos peiraos do porto interior, orientadas a “manter as actividades produtivas, isto, a que o porto continúe a ser porto”, o que constitúe “tamén un obxectivo básico para o BNG”.
Nesa perspectiva, relata Jorquera, o presidente do Colexio de Enxeñeiros mostrouse favorábel a “potenciar a pesca” -no contexto da reordenación dos espazos portuarios- e tamén resaltou o papel positivo que a nova fachada marítima pode desempeñar na resolución dos problemas de mobilidade da cidade e a comarca, cunha aposta clara -coa que concorda o BNG- por un intercambiador de transportes na área de San Diego e por dotar a zona dunha Estación Marítima que recupere o transporte marítimo na ría.
Procurar unha solución financeira á débeda que soporta a Autoridade Portuaria -para non condicionar a definición da nova fachada marítima- foi outra das cuestións que puxo sobre a mesa Urcola, quen tamén se referiu á reordenación do bordo litoral, desde a praia de Oza até a Pasaxe. Aí reivindicou o labor das e dos enxeñeiros. O urbanismo non involucra só os arquitectos, que son expertos en edificación, si, pero o rol das e dos enxeñeiros tamén é básico, pois “calquera actuación no bordo litoral ten que contemplar cales son as dinámicas costeiras e marítimas, a afectación da posíbel suba do nivel do mar ao noso litoral e, por tanto, como debe facerse un paseo para non se ver atinxido negativamente”, remarcou.
Urcola mostrouse favorábel a “potenciar a pesca” -no contexto da reordenación dos espazos portuarios- e tamén resaltou o papel positivo que a nova fachada marítima pode desempeñar na resolución dos problemas de mobilidade da cidade e a comarca
“Do noso punto de vista, as súas achegas foron realmente moi interesantes”, conclúe Jorquera.