ABSOLUTA FALTA DE SENSIBILIDADE DO EXECUTIVO ESTATAL

En resposta ao BNG, o Goberno central dille ás mariscadoras da Ría que reclamen se se consideran prexudicadas

Francisco Jorquera e Fran Rei cos mariscadores da Ría do Burgo perante a Delegación do Goberno. Mércores 28 de abril de 2021.
A dragaxe da Ría do Burgo é un proxecto que vai desenvolver a Administración central do Estado no dominio público marítimo terrestre e a súa realización vai ser incompatíbel coa práctica do marisqueo quer a pé quer a flote durante no mínimo 26 meses. É por isto que as e os mariscadores teñen que ser compensados polo cesamento forzoso da súa actividade.
En resposta ao BNG, o Goberno central dille ás mariscadoras da Ría que reclamen se se consideran prexudicadas

A xuízo do deputado do BNG no Congreso Néstor Rego, é a Administración central do Estado quen debe asumir esas compensacións, dado que se ben é certo que é a Xunta quen decreta a suspensión da actividade marisqueira –polas súas competencias en materia de pesca e marisqueo- non é menos verdade que o fai a consecuencia da execución dunha obra de titularidade estatal.

Sobre esta cuestión dirixiu Rego un feixe de preguntas ao Goberno central. Na súa resposta, que achegamos, o Executivo elude as súas responsabilidades sobre as compensacións ás mariscadoras e limítase a dicir que poden presentar “reclamacións” se “consideran que a obra lles produce menoscabo patrimonial”.

A resposta revela a absoluta falta de sensibilidade do Goberno central perante a situación que van vivir as e os mariscadores. É obvio que o proxecto lles vai producir “menoscabo patrimonial”, sendo que impedirá que traballen durante os 26 meses que se prevé que duren as obras de dragaxe.

A Administración non debe agardar que se formulen reclamacións, senón que debe manter un diálogo coas mariscadoras e mariscadores con vistas a establecer unhas compensacións xustas.

A resposta revela a absoluta falta de sensibilidade do Goberno central perante a situación que van vivir as e os mariscadores

Estamos a falar dun proxecto cun custo estimado de 32 millóns de euros, e a Confraría de Pescadores da Coruña ten valorado as compensacións en apenas 1,3 millóns de euros, unha cantidade absolutamente razoábel a xuízo do BNG.

No feixe de preguntas que deron orixe a esta resposta do Goberno estatal, Rego interesábase por saber se a Administración central vai comunicar á Confraría coruñesa “a data de inicio dos traballos, cando se paralizarán os plans de xestión en vigor e como se articulará o pagamento das compensacións ás e aos mariscadores polo cesamento forzoso da actividade de extracción”.

Sobre nada disto responde un Goberno central que se limita a consignar que comunicará “a Consellaría do Mar” –non, por tanto, á confraría- o “inicio dos traballos” para ter a “plena disponibilidade dos terreos para levar a cabo a actuación de dragaxe ambiental”.

Elude tamén responder o Goberno central a cuestión concreta de se non é a central a administración que debe compensar as e os mariscadores e a ese respecto todo o máis que acerta a dicir o Executivo é que “os mariscadores serán os principais beneficiarios” da dragaxe –mais iso non quita para que teñan que deixar de traballar durante case dos anos e medio- e que “as competencias de pesca e marisqueo corresponden á Xunta da Galiza”.

ACHEGAMOS PREGUNTA E RESPOSTA DO GOBERNO

En resposta ao BNG, o Goberno central dille ás mariscadoras da Ría que reclamen se se consideran prexudicadas