SOBRE O CÁRCERE, O CONSELLO ECONÓMICO E SOCIAL, O PAZO DE MEIRÁS E A CASA MUSEO PARDO BAZÁN
Respaldo do Pleno de decembro ás tres mocións do BNG
Foi o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, quen abriu a quenda das mocións nacionalistas, cun texto a prol da cesión ao Concello do antigo cárcere, previa rehabilitación do edificio por parte do seu actual titular, un Estado español que o ten nun lamentábel estado de abandono.
Recentemente, unha sentenza do TSXG ditaminaba que o Concello só podía acceder á titularidade do edificio previo pagamento de 1,2 millóns de euros. Para Jorquera, esta decisión do tribunal galego pode salvarse facilmente se existir vontade política por parte do Goberno do Estado. A cesión ao Concello é, alegou, unha cuestión de xustiza, pois o cárcere foi edificado sobre terreos municipais transferidos nos primeiros anos do século XX ao daquela chamado Ministerio da Guerra.
“Co antigo cárcere, como ‘el perro del hortelano’, o Goberno central nin come nin deixa comer. Non o cede ao Concello, mais tampouco lle dá uso nin o rehabilita”, denunciou Jorquera. “Por non facer, nin sequera atende as súas obrigas básicas de mantemento e conservación”, acrecenta.
O edificio ameaza ruína e, deste xeito, pon en risco a integridade física das persoas que, sen seren conscientes desta circunstancia, se aventuran a entrar no seu interior, previo salto dos muros. Esta situación levou o voceiro nacionalista a reclamar ao Concello que “reforce a vixilancia perante a ameaza para a seguridade que representa o seu estado”. No seu caso, a Administración local debería tamén iniciar os procedementos sancionadores aos que houber lugar, “por mor do incumprimento das obrigas de o manter en bon estado por parte do seu titular”.
Para Jorquera, o edificio do cárcere, dada a súa situación e o seu valor histórico-arquitectónico, está chamado a ser “un espazo público de primeiro orde na cidade da Coruña”.
“Co antigo cárcere, como ‘el perro del hortelano’, o Goberno central nin come nin deixa comer. Non o cede ao Concello, mais tampouco lle dá uso nin o rehabilita”, denunciou Jorquera.
Entre os usos aos que se podería destinar citou Jorquera o de espazo de reivindicación da memoria, pois entre os seus muros foron encadeados unha manchea de presas e presos políticos durante a ditadura, e o de centro de interpretación e atención ás persoas visitantes da Torre de Hércules, sendo que se acha moi pertiño do milenario faro.
Creación do Consello Económico e Social
Estamos en pandemia e perante as secuelas socio-económicas desta emerxencia sanitaria o Concello ten que reaxir aproveitando ao máximo os seus recursos e pondo en funcionamento novas ferramentas.
Esta é a idea que levou o BNG a levar ao Pleno unha moción para instar o Goberno Local a promover a creación á maior brevidade posíbel do Consello Económico e Social, un compromiso que -meses antes do estourido da pandemia, en outubro de 2019- contraeu o PSOE co BNG na Comisión de Seguimento do Acordo de Investidura.
Trataríase de constituír ese Consello e de promover desde a Administración Local un Plano de Desenvolvemento Comarcal, imprescindíbel para dotar a cidade e a súa área de influencia dun novo patrón de deseño económico, menos dependente do sector servizos (a pandemia puxo en evidencia a súa fraxilidade) e cunha clara vocación de modernizar e diversificar o sector industrial.
“A creación do Consello Económico e Social non é unha proposta só do BNG. É unha aspiración de distintos axentes sociais da cidade”, dixo Jorquera. A súa creación fora comprometida polo PSOE co BNG, mais, sinalou o voceiro nacionalista, “nin vemos que se lle estea a dar o impulso necesario nin que se comprenda ben cal debe ser a súa función”.
“A creación do Consello Económico e Social non é unha proposta só do BNG. É unha aspiración de distintos axentes sociais da cidade”, dixo Jorquera
Pois ben, o CES é o foro perfecto para a cidade “repensar o papel económico que quere xogar na Galiza, na península e, se me apuran, no contexto europeo”, anotou Jorquera.
Hai que mudar a estrutura produtiva da cidade e deixar atrás a errática estratexia da cidade de servizos. “A especialización exclusiva nos servizos ten sido un erro. Nos países máis desenvolvidos o sector terciario ten como soporte, en boa medida, a existencia dun sector secundario potente e de alto valor engadido”, dixo.
A receita? Apostar na investigación e no desenvolvemento e aproveitar as potencialidades –a economía azul, os usos produtivos do porto infelizmente desaproveitados nos últimos anos- desta cidade.
“Por suposto que son necesarias medidas urxentes que auxilien os sectores máis castigados pola pandemia”, esclareceu Jorquera nunha clara alusión á hostelaría. “Mais é necesario combinar a resposta no curto prazo co deseño dunha estratexia de futuro que aborde os problemas estruturais da economía da nosa cidade e a súa comarca”, concluíu.
Pazo de Meirás e Casa Museo Emilia Pardo Bazán
A defensa da terceira e última das mocións do BNG correu a cargo de Avia Veira, quen para comezar reivindicou o rol dos movementos sociais e de investigadores como Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo no longo proceso de recuperación do Pazo de Meirás, cristalizado finalmente nunha sentenza xudicial que restituiría o ben espoliado polo franquismo ao patrimonio público.
A moción pretendía varias cousas. A primeira, a transferencia á Xunta da titularidade do Pazo para logo a Administración galega, consorciada co Concello de Sada e a Deputación da Coruña, xestionar esta propiedade. A segunda, a de converter as Torres de Meirás nun Centro da Memoria Democrática da Galiza, sen prexuízo de tamén lle dar uso como tributo á escritora Emilia Pardo Bazán.
Mais a iniciativa perseguía tamén que o Concello expresase o seu desexo de a Casa Museo Pardo Bazán –situada no número 11 da rúa Tabernas- ficar na cidade, perante o temor que ao BNG lle inspira a vontade da Xunta de trasladar a biblioteca da autora de “Los Pazos de Ulloa” ao Pazo de Meirás. O BNG quixo facer extensivo este desexo tamén á propia sede da RAG, que comparte morada coa Casa Museo Pardo Bazán.
As Torres de Meirás teñen que ser fundamentalmente un símbolo da dignidade democrática da Galiza na loita contra o fascismo. “Un lugar onde se fale da figura de Emilia Pardo Bazán, si, e da súa obra literaria, aínda ben, mais tamén onde se lembren os 37 veráns en que o inmóbel foi residencia de Franco, en que se fale dos máis de 80 anos que se tardou en recuperar para o pobo; por todo isto debe ser un centro de interpretación da memoria democrática, dos valores democráticos”, arguíu.
As Torres de Meirás teñen que ser fundamentalmente un símbolo da dignidade democrática da Galiza na loita contra o fascismo
Veira defendeu que no posíbel toda a colección bibliográfica da condesa se reúna na rúa Tabernas 11. Isto é, que a mudanza non a fagan os volumes que se achan na Coruña, senón os que se atopan en Meirás, concluíu a concelleira nacionalista.