A residencia pública universitaria e as melloras en transporte público, demandas d@s estudantes
A Coruña, 22 de abril de 2015.- Con posterioridade á asemblea aberta organizada polo BNG-Asembleas Abertas no Campus de Elviña con estudantes da Universidade da Coruña, o cabeza de lista do BNG-AA e profesor titular de Dereito da UDC, Xosé Manuel Carril, sinalou que o estudantado transmitiu a súa defensa da universidade pública desde a corresponsabilidade e o compromiso e salientou as principais propostas achegadas polos mozos e mozas, que coinciden coas defendidas polo BNG-AA. Os e as estudantes fixeron fincapé na necesidade de que a UDC conte cunha residencia universitaria pública e de mellorar o transporte público.
En relación á residencia pública, Carril puxo de manifesto que desde o Concello e a Deputación é posíbel garantir esa equipamento, a través da cesión de edificios da súa propiedade que poden ser destinados a acoller a residencia pública universitaria. Existen edificios concesionados propiedade do Concello cuxas concesións están próximas ao remate e que poderían utilizarse para instalar a residencia pública universitaria, lembrou. Ademais, advertiu de que, precisamente pola falta de residencia pública universitaria, a UDC paga ao ano 230.000 euros, uns cartos que se poderían aforrar para promover e defender o ensino público.
En canto ao transporte público, Carril sinalou que está na man do Concello, e así o recolle o BNG-AA no programa electoral, a revisión da concesión da Compañía de Tranvías e mais da fórmula para o cálculo do billete. Ademais, o nacionalista apuntou que o Concello pode intervir para que a UDC non teña que pagar os máis de 150.000 anuais para financiar o billete universitario. Ademais, insistiu na necesidade de mellorar as comunicacións entre A Coruña e Ferrol, con especial atención ao tren de proximidade. Salientou a necesidade de promover o servizo ferroviario de proximidade utilizando o apeadoiro do Campus de Elviña. Deste xeito, afirmou, garantiríase a comunicación dos campus da UDC coa comarca e coa área metropolitana.
Anxo Sánchez: Existe un proceso de mercantilización da universidade que expulsa as persoas con menos recursos
No transcurso da asemblea aberta, o número 5 da candidatura do BNG-AA, Anxo Sánchez, afondou nas reformas que sofre a universidade. O decreto do 3+2 non é unha reforma illada, xa que vén detrás de plans como o Boloña que, lonxe de harmonizar os graos a nivel europeo, está a provocar un proceso de mercantilización e privatización do ensino, denunciou.
Na mesma liña, este mozo informático no desemprego advertiu de que o Plan Boloña e o decreto do 3+2 provocan a expulsión do sistema universitario das persoas con menos recursos. Criticou, a continuación, que as titulacións pasen de ocupar 4 anos de grao e un de mestrado a ocupar tres anos de grao e dous de mestrado, pois os mestrados custan o duplo que cada ano de grao, o que implica que moita xente teña que deixar de estudar. Por último, fixo alusión ao recorte de bolsas universitarias.