UNHA INICIATIVA DE AVIA VEIRA

Ou se reforza o servizo de atención ao público ou de nada vale a rebaixa na Tarxeta Millenium

Avia Veira transporte urbano bus.
Se non se reforza o servizo de atención cidadá da Estación de Autobuses, a veciñanza non vai poder ter acceso universal á Tarxeta Millenium nin beneficiar da rebaixa das tarifas acordada hoxe na Xunta de Goberno Local.
Ou se reforza o servizo de atención ao público ou de nada vale a rebaixa na Tarxeta Millenium

Así o considera a concelleira do BNG Avia Veira, quen formulará o asunto no Pleno do vindeiro xoves 2 de febreiro en forma dunha pregunta oral ao Executivo coruñés.

O problema xa o denunciou o BNG no Pleno de xaneiro a través dun rogo oral: o servizo de atención da Estación de Autobuses está colapsado e as citas para moitos trámites da Tarxeta Millenium estaban bloqueadas para xaneiro e febreiro.

“Case un mes despois”, refire Avia Veira, “atopámonos na mesma situación e por iso volvemos levar este asunto ao Pleno”. “Queremos saber”, explica, “por que non se está a reforzar este servizo cidadán”.

É obvio que de nada serve aprobar rebaixas nas tarifas da Tarxeta Millenium, como esta mañá fixo a Xunta de Goberno Local, “se a xente non se pode dar de alta, non pode pedir unha nova tarxeta por mal funcionamento ou perda ou non se poden tramitar tarifas específicas (como as de menores de 13 anos ou persoas desempregadas), o que obriga a estes colectivos a pagar a tarifa completa, isto é, 1,30 euros por viaxe”, relata Veira.

É por todo isto que a concelleira do BNG insta o Goberno Local a que reforce o servizo de atención da Estación de Autobuses ou a que o descentralice e que o faga de contado, de modo a garantir que o conxunto da veciñanza poda acceder á Tarxeta Millenium e se beneficiar da rebaixa nas súas tarifas.

 

 

 

 

Ou se reforza o servizo de atención ao público ou de nada vale a rebaixa na Tarxeta Millenium