MERCEDES QUEIXAS VAI LEVAR O ASUNTO AO PARLAMENTO GALEGO
Os recortes da Xunta danan o dereito á educación de alumnado con necesidades especiais no CEIP Concepción Arenal
O motivo, a enorme preocupación que senten as nais e pais pola redución do profesorado de apoio ao alumnado con necesidades educativas especiais. Neste momento, no CEIP Concepción Arenal cursan os seus estudos máis de 400 alumnas e alumnos. Pois ben, deles 20 son NEE (crianzas con necesidades educativas especiais) e 60, NEAE (nenos e nenas con necesidades específicas de apoio educativo).
Para atender este alumnado, o centro conta neste curso con menos profesorado de apoio do que no pasado. “Solidarizámonos coa indignación das nais e dos pais e levaremos este asunto ao Parlamento galego, esixindo unha rectificación á Xunta. Non pode ser que a Consellaría de Educación sexa un problema para o dereito de todas as crianzas a unha educación de calidade. Os recortes non garanten o dereito á educación desde a igualdade e equidade, sobre todo para nenos e nenas que ou teñen algún tipo de dificultades para aprender ou mesmo presentan discapacidade que require dun tratamento pedagóxico continuado”, afirma Mercedes Queixas.
O centro dispón neste momento dunha profesional orientadora, dous AL (mestres de audición e linguaxe), dous PT (mestres de pedagoxía terapéutica) e dúas coidadoras. Os dous AL son á vez o director do CEIP unha profesora de apoio.
“As familias comproban como este curso os seus fillos e fillas teñen menos atención educativa da que tiñan o curso pasado, o que lles provoca un desconcerto e impotencia que tamén partilla o profesorado, incapaz de atender debidamente a diversidade de necesidades educativas do alumnado tanto por falta de formación como de recursos”, remarca a deputada e concelleira nacionalista.
Así as cousas, a deputada acaba de rexistrar varias iniciativas ao respecto, unha proposición non de lei e preguntas, orais e escritas, ao Goberno galego.
O texto dispositivo da proposición non de lei reza así: “O Parlamento insta a Xunta a dotar o CEIP Concepción Arenal da Coruña do profesorado necesario que se está a demandar no presente curso escolar para atender o alumnado con NEE e NEAE e garantir o dereito á educación en equidade e igualdade”.