UNHA INICIATIVA DE AVIA VEIRA PARA O #PLENOXULLO DESTE XOVES 7X

Cómpre mudar xa o mapa de liñas do transporte urbano, a respectar o acordo de investidura!

BNG A CORUÑA
A concelleira do BNG Avia Veira vai defender no Pleno do vindeiro xoves unha moción a medio da cal insta o Goberno Local a que modifique o mapa de liñas do transporte urbano visando conectar os polígonos industriais, mellorar a conexión con grandes centros de traballo (hospitais nomeadamente) e os barrios máis periféricos.
Cómpre mudar xa o mapa de liñas do transporte urbano, a respectar o acordo de investidura!

En realidade, a mudanza do mapa de liñas é un compromiso que adquiriu o grupo socialista co BNG cando asinaron, en xuño de 2019, o Acordo de Investidura que posibilitou o acceso de Inés Rey á Alcaldía.

Mais desde aquela o Goberno Local non deu ningún paso para materializar tal previsión e agora anuncia que como moito estaría disposto a introducir pequenos retoques.

Na exposición de motivos desta iniciativa, Avia Veira denuncia que ao tempo que o Concello, mesmo con informes negativos do interventor, si dá luz verde á subvención estatal de 5,4 millóns de euros para a Compañía de Tranvías, para a compensar polas perdas decorrentes da COVID 19, logo “non é quen de impor os criterios para o deseño dun transporte público máis útil para a nosa cidadanía”.

Opina Veira que na nosa cidade “a política de mobilidade está condicionada pola vixente concesión de transporte público” –que caduca en 2024- mais remarca a concelleira que A Coruña “non pode ser presa dela” e que o Goberno Local ten ferramentas para “impulsar as melloras precisas para unha maior utilidade da rede de autobuses da Coruña”, tal e como o estabelece o regulamento que rexe a concesión. “Unha capacidade á que o Executivo local está a renunciar pola vía dos feitos”, lamenta a concelleira do BNG.

 

 

Cómpre mudar xa o mapa de liñas do transporte urbano, a respectar o acordo de investidura!