ESPOLIO DA CIDADE

Queremos que a Xunta e o seu Presidente defendan os intereses do pobo da Coruña

Instalacións da Solana co Hotel Finisterre ao fondo
Terreos da Solana co Hotel Finisterre ao fondo

Esiximos do Presidente da Xunta que defenda os intereses da veciñanza da Coruña e que se posicione en contra da decisión da Autoridade Portuaria da venda da Solana e do Finisterre e censure publicamente a actitude especulativa de Enrique Losada

Queremos lembrar que os terreos da Solana e do Hotel Finisterre, alleados no franquismo do seu verdadeiro dono, non outro que o pobo da Coruña, están sendo obxecto de especulación económica unicamente para facer caixa e pagar pola porta de atrás o nefasto negocio que supuxo o modelo de financiamento do Porto Exterior 

Queremos que a Xunta e o seu Presidente defendan os intereses do pobo da Coruña

Vimos de solicitar o posicionamento público da Xunta de Galiza e do seu Presidente a respecto da manobra especulativa que quere realizar a Autoridade Portuaria cos terreos da Solana e Hotel Finisterre.

Xa que logo entendemos que o Presidente da Xunta debe ter unha posición contundente ante o que cualificamos un episodio máis no proceso continuo de espolio ao que se está sometendo á cidade da Coruña por parte da Administración do Estado.

Hotel Finisterre

Esiximos, por tanto, do Presidente da Xunta que defenda os intereses do pobo da Coruña e que se posicione en contra da decisión da Autoridade Portuaria da venda da Solana e do Finisterre e censure publicamente a actitude especulativa de Enrique Losada. Non é a primeira vez, e nos tememos que non será a última, na que este ente realiza manobras que so teñen por obxecto o espolio da Coruña e de terreos que son das veciñas e dos veciños da cidade.

Así, lembramos que os terreos da Solana e do Hotel Finisterre foron alleados no franquismo e que, polo tanto, non cabe outra actuación que a devolución gratuíta dos mesmos ao seu lexitimo dono, o pobo da Coruña.

Todas e todos sabemos que o señor Enrique Losada e a Autoridade Portuaria queren pagar, a conta dos nosos petos e pola parte de atrás, o nefasto negocio que supuxo o modelo de financiamento do Porto Exterior. E non entendemos que a Xunta de Galiza sinale, tal e como fixo, que a venda non suporá ningunha diferenza para a veciñanza da Coruña e, máis incomprensíbel nos resulta, que os tres representantes que a Xunta ten no Consello de Administración votaran a favor de facer a nova poxa deses terreos. É por iso que demandamos do señor Feijóo que reprobe a estes representantes e tome partido xunto co pobo da Coruña e con quen levamos anos denunciando que Autoridade Portuaria actúa coma unha inmobiliaria, afogando a cidade, e demandando que sexa responsábel socialmente coa Coruña e que se comprometa co seu desenvolvemento.

A Coruña, 3 de xaneiro de 2017

Artigos relacionados:

Queremos que a Xunta e o seu Presidente defendan os intereses do pobo da Coruña