#XUSTIZAPARAJIMMY
Esixiremos o acordo do Pleno do luns para que os culpábeis do asasinato de Jimmy sexan xulgados
Presentamos unha moción, para a súa aprobación no Pleno do próximo luns, esixindo a reapertura da causa do asasinato de Francisco Javier Romero Taboada “Jimmy”, a fin de dar cos culpábeis
Na mesma iniciativa tamén demandamos das instancias xudiciais o máximo dos esforzos e implicación para rematar coa impunidade que existe arredor deste caso
Vimos de rexistrar esta mañá unha moción (preme aquí para vela), para a súa aprobación no Pleno do próximo luns, esixindo a reapertura da causa do asasinato de Francisco Javier Romero Taboada “Jimmy”, a fin de dar cos culpábeis.
Nesta iniciativa, na cal se recolle o sentir xeral de malestar da veciñanza da Coruña, así como a perplexidade que causou á familia e amigos de Francisco Javier Romero Taboada, “Jimmy”, á masa social deportivista, ao propio Real Club Deportivo da Coruña e, en xeral, a toda a cidade da Coruña, o arquivo da causa que investiga o asasinato de “Jimmy”, queremos que o Pleno amose, con total contundencia, a súa vontade de que se resolva o proceso coa detención e condena dos culpábeis do crime.
Desde o BNG vemos con desolación como o último dos maxistrados que asumiu a instrución xudicial, contra o criterio dos investigadores policiais, decide arquivar o expediente baixo o argumento de que non se pode identificar os autores da morte de Jimmy, facendo caso omiso, dos detallados informes policiais: só podemos concluír ante tais argumentos que resulta patente a impunidade da que gozan a extrema dereita e os grupos neonazis no Estado español.
Do mesmo xeito, na mesma iniciativa tamén demandamos das instancias xudiciais o máximo dos esforzos e implicación para rematar coa impunidade que existe arredor deste caso.
Ademais do asasinato de Jimmy, houbo un apaleamento grupal a outro seareiro ao que tamén lanzaron ao río Manzanares, ademais dun número importante de feridos, tanto por arma branca como por obxectos contundentes, todos eles seguidores deportivistas que porteriormente foron sancionados pola Secretaría de Estado de Seguridad, impoñéndoselles escandalosas sanciones cifradas en 60.001 euros, máis xuros, alén da prohibición de acceso a calquera recinto deportivo por un período de duración de 5 anos. É dicir, ademais de apaleados, e cun compañeiro asasinado, son tamén multados. Dos agresores, un grupo organizado e armado, de ideoloxía neonazi, conformado tanto por integrantes do Frente Atlético como doutros grupos de doutras partes do estado español e mesmo de Europa do leste, non houbo ningunha sanción e todas as persoas implicadas quedan exoneradas ao pecharse a causa, algo totalmente intolerábel.
A Coruña, 2 de xaneiro de 2017