INSTITUTO OCEANOGRÁFICO

Queremos investigación, ciencia e investimento no noso futuro: queremos oceanográfico

Vista das instalacións do Centro Oceanográfico desde os xardíns da Maestranza
Vista das instalacións do Centro Oceanográfico desde os xardíns da Maestranza

Levamos ao Parlamento de Galiza a situación do Centro Oceanográfico da Coruña

Presentamos sendas proposicións non de lei para que a Xunta reclame as competencias en xestión e para que se garantan os investimentos necesarios para a continuidade da investigación, dos proxectos en I+D+i, o mantemento das liñas científicas e en defensa das traballadoras e dos traballadores

Desde 2013 levamos denunciando o progresivo desmantelamento que sofren os centros do Instituto Oceanográfico na Galiza, nomeadamente na Coruña, e o proceso irracional de centralización na toma de decisións en Madrid: pasou de ser referente a nivel europeo e internacional, mesmo coa visita de profesionais estadounidenses nas décadas nos anos 80 e 90 do século pasado, e de ser centro asesor a confrarías e produtores, con rendementos obxectivos en materia industrial e económica, a preverse o seu abandono nun futuro inmediato. Precisamente neste ano no que se cumpre o 50 aniversario da súa creación na nosa cidade

Queremos investigación, ciencia e investimento no noso futuro: queremos oceanográfico

Vimos de presentar sendas iniciativas no Parlamento de Galiza en defensa dos centros do Instituto Oceanográfico na Galiza, nomeadamente na Coruña.

Deste xeito, e en continuidade da iniciativa que debatera no Pleno da Coruña, presentamos unha Proposición non de Lei, tanto para o seu debate en Comisión como no Pleno do Parlamento (podes ver cadansúa premendo en ambas), na que se insta á Xunta de Galiza a demandar ao Estado español o traspaso de competencias para a total xestión económico administrativa dos centros do Instituto Oceanográfico Español hoxe en día en Galiza co obxecto de que pasen a formar parte da estrutura propia da Xunta.

E é que despois de recoller as demandas do cadro de persoal dos centros do IEO, que durante o mes de marzo viñeron a se manifestar na mellora das súas condicións de traballo e en demanda do aumento de investimentos e de descentralización da xestión económico administrativa que hoxe en día é dirixida desde a secretaría de estado en Madrid a través do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade, pretenden reverter a situación de desmantelamento que se está dando no centro da Coruña desde principios desta década provocado pola a nefasta xestión da crise económica, sumada aos distintos recortes producidos en materia de investigación e apoio a proxecto científicos.

Ante toda progresión de acontecementos, xa presentabamos na lexislatura anterior, en sede parlamentaria, a proposta da transferencia a Galicia por parte do Estado dos servizos e funcións en materia de investigación oceanográfica, aprobándose por unanimidade en marzo de 2016, na Comisión de Pesca, instar a la Xunta a demandar ao Goberno central a transferencia das funciones, medios e persoal dos centros costeiros do Instituto Español de Oceanografía en Vigo e A Coruña, así como do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo. Mais nunca esa transferencia foi efectivizada. E, pola contra, o que si aconteceu foi un maior desmantelamento e unha maior centralización en Madrid da toma de decisións, polo que resolvemos volver a abrir o debate no Parlamento e exixir que a Xunta reclame, xa de vez, as competencias en xestión e para que se garantan os investimentos necesarios para a continuidade da investigación, dos proxectos en I+D+i, o mantemento das liñas científicas e en defensa das traballadoras e dos traballadores.

Asemade, dáse a circunstancia que precisamente este ano se cumpre o 50 aniversario, o que levou ao centro a preparar actividades, organizar visitas ao buque oceanográfico, á divulgación científica con xornadas de portas abertas do propio centro á veciñanza en xeral, coa programación de visitas de colexios e centros de ensino, a participar do día da ciencia etc, sen outro obxecto que a pedagoxía, o espallamento da ciencia e a universalización dos coñecementos que se acumulan nos máis de cen anos de creación do IEO. Mais todas estas actividades agora mesmo están paralizadas e pendentes de se levar ao cabo xa que non existe capacidade, nin económica, nin material, para facelo.

Desde 2013 levamos denunciando o progresivo desmantelamento que sofren os centros do Instituto Oceanográfico na Galiza, nomeadamente na Coruña, e o proceso irracional de centralización na toma de decisións en Madrid: pasou de ser referente a nivel europeo e internacional, mesmo coa visita de profesionais estadounidenses nas décadas nos anos 80 e 90 do século pasado, e de ser centro asesor a confrarías e produtores, con rendementos obxectivos en materia industrial e económica, a preverse o seu abandono nun futuro inmediato. Precisamente neste ano no que se cumpre o 50 aniversario da súa creación na nosa cidade.

A Coruña, 13 de abril de 2018.

 

Noticias relacionadas:

Queremos investigación, ciencia e investimento no noso futuro: queremos oceanográfico