JORQUERA, NO ENCONTRO NACIONAL MUNICIPAL

"Queremos pór o bo facer dos gobernos municipais do BNG ao servizo da Coruña"

Jorquera no Encontro Nacional Municipal 26 de marzo de 2023
Jorquera, desde a tribuna
“Os gobernos municipais do BNG son exemplo de solvencia, capacidade e bo facer. E todo ese bo facer querémolo poñer ao servizo da Coruña, para lle dar o impulso que a cidade precisa”, afirmou, durante a súa intervención no Encontro Nacional Municipal do Bloque, o candidato nacionalista á Alcaldía, Francisco Jorquera.
"Queremos pór o bo facer dos gobernos municipais do BNG ao servizo da Coruña"

A Coruña vive nun certo estancamento. Non porque a sociedade coruñesa non teña vigor ou forza, senón porque durante estes catro anos non atopou un aliado no Goberno Local. O obxectivo do BNG é liderar a cidade para lle dar o impulso que necesita, argumentou Jorquera ao tomar a palabra perante un ateigado auditorio no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela.

“Coller impulso e dar o salto, dicía un poema de Lois Pereiro. Fagámolo: collamos impulso na Coruña e deamos o salto”, proclamou o candidato nacionalista.

Nunha alocución con tintes literarios, Jorquera sinalou como propósito do BNG facer da Coruña “a Cidade Barco, a Cidade Faro, a Cidade Luz”.

FOTO ENCONTRO MUNICIPAL BNG 5
Jorquera, con candidatxs e a portavoz nacional.

E detallouno a seguir: “Cidade Luz porque pola súa tradición cultural, pola súa conexión coas correntes máis avanzadas de cada momento, pola súa creatividade, A Coruña ten que ser a nosa cidade das luces”.

Cidade Barco, porque reúne todas as condicións para ser a capital ecolóxica do mar”.

Cidade Faro, porque, como dixo Domingos Merino, o primeiro alcalde nacionalista da nosa cidade, A Coruña ten que ser un faro para Galiza. E un faro tamén na defensa e normalización do noso idioma”.

Jorquera concluíu a cualificar o BNG como a “esperanza de cambio e de futuro”, quer na Galiza quer na Coruña. “E ese futuro comeza o 28 de maio. Coa vosa forza ímolo conseguir!”, arengou.

 

"Queremos pór o bo facer dos gobernos municipais do BNG ao servizo da Coruña"