JORQUERA DEFENDE A REGULACIÓN PARA EVITAR A COMPETENCIA DESLEAL

"Que taxas paga Amazon ao Concello? Porque as e os pequenos comerciantes si que as pagan!"

Mellor Local, Mellor Galego
Mellor Local, Mellor Galego
O candidato do BNG á Alcaldía, Francisco Jorquera, defende que se regule a venda on line para evitar que se constitúa nunha “competencia desleal” para o pequeno comercio da nosa cidade.
"Que taxas paga Amazon ao Concello? Porque as e os pequenos comerciantes si que as pagan!"

“O que non pode ser é que un comerciante teña que pegarse un madrugón para esperar a que chegue a furgoneta que lle trae as mercadorías porque só se pode descargar a determinadas horas, mentres o parque de furgonetas de Amazon invaden a cidade e utilizan o espazo público como se fose da súa propiedade”, remarca Jorquera, quen a ese respecto demanda do Concello unha “política inspectora e sancionadora contundente”.

O mesmo acontece co lixo. “Que pasa con todo o volume de cartonaxe que xeran as entregas de Amazon? Que taxas paga Amazon? Porque un comerciante si que ten que pagar unhas taxas de lixo”, razoa o candidato nacionalista á Álcaldía. “Desde logo tamén a escala micro se poden adoptar medidas que impidan prácticas que son unha clara competencia desleal”, engade.

“Non se trata de prohibir a venda on line. Non se trata de prohibir a distribución daquilo que se merca on line. Trátase de regular a actividade para que non haxa competencia desleal”, esclarece Jorquera, quen mostra “toda a nosa solidariedade coas repartidoras e repartidores das grandes compañías de venda por internet. Sabemos que traballan en condicións precarias e con moito estrés”, esclarece Jorquera.

O pequeno comercio xoga un rol esencial non só para a economía e o emprego, senón tamén para facer cidade. “Apostamos por un comercio de proximidade vizoso –por apoiar desde o Concello a súa modernización e diversificación- como unha das medidas máis eficaces para revitalizar os barrios da Coruña. Os baixos baleiros acaban sempre degradando a vida nas rúas. Os pequenos comercios fan xusto o contrario: fortalecen a comunidade e rexeneran os barrios”, resalta Jorquera.

A política de mobilidade tamén debe ser enfocada desde o Concello con vistas a axudar ao desenvolvemento do pequeno comercio coruñés, partindo da perspectiva de que o tránsito de mercadorías –moitas delas de produtores locais- fai parte do tráfico preciso para que as tendas dos barrios  –e, por extensión, a economía da cidade- funcionen.

 

 

"Que taxas paga Amazon ao Concello? Porque as e os pequenos comerciantes si que as pagan!"