PARA CONVOCAR O NOVO CONCURSO ANUNCIADO POLA ALCALDESA HAI XA MÁIS DE DOUS MESES
Queixas pídelle ao Goberno Local que convoque de vez o Padroado da Luís Seoane
Máis de dous meses despois, o Padroado continúa sen ser convocado e a única novidade na Fundación foi a decisión da alcaldesa de abandonar a súa presidencia e de a delegar no concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.
É por isto que a nosa concelleira Mercedes Queixas rexistra un rogo oral, para a súa lectura no Pleno do vindeiro xoves, por medio do cal insta o Goberno Local a que convoque de urxencia o Padroado da FLS para non só aprobar as bases do novo concurso, senón tamén as contas de 2025, ben como o plan de traballo e o orzamento de 2025.
Cómpre lembrar que este novo concurso chega despois da polémica xerada na resolución da convocatoria anterior, “despois de ter sido advertidas deficiencias por parte de diferentes sectores da cultura relativas á falta de transparencia e ausencia de garantías dos principios de equidade e mérito”, remarca Queixas na exposición de motivos desta iniciativa.
De feito, por volta de 150 persoas vinculadas á cultura chegaron a asinar un manifesto para expresar “o seu malestar polo proceso”, a reclamar “unha rectificación que viñese acompañada dun compromiso real coas boas prácticas e a transparencia”.
O BNG denunciou tamén esas irregularidades e solicitoulle á alcaldesa que dese explicacións, sen que estas se producisen, até o punto de nin sequera ter acudido á última reunión do Padroado, censura Queixas.