VAI LEVAR O ASUNTO AO #PLENOFEBREIRO
Jorquera denuncia que a concesionaria da limpeza non está a realizar o programa A Pé de Barrio
A concesionaria do servizo de limpeza viaria -a UTE A Coruña Limpeza- está a incumprir o contrato co Concello ao non realizar o programa “A Pé de Barrio”.
Así o denuncia o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, quen mediante un rogo oral para a súa lectura no Pleno do vindeiro xoves 12F insta o Goberno Local a que actúe, a obrigar a concesionaria a cumprir coas condicións establecidas nos pregos do contrato.
A obriga de a concesionaria realizar o programa A Pé de Barrio figura no prego de prescricións técnicas particulares, detalla Jorquera no texto desta iniciativa.
De acordo co prego, “este tipo de tratamento consiste nun plan intensivo de coidado do espazo público que se suma ao traballo diario de limpeza e mantemento”. Un programa que, de acordo co contrato, contemplaba realizar “operacións de limpeza integral en toda a cidade, actuando durante 11 meses, de xeito que ao longo do ano se actúe en todas as rúas da cidade”.
A través deste rogo, o BNG -moi consciente das queixas xeneralizadas que hai na cidade sobre o mal funcionamento do servizo de limpeza viaria- empraza o Goberno Local a que “reforce a inspección e supervise que a UTE A Coruña Limpeza cumpra, neste e en todos os casos, coas condicións establecidas nos pregos”.