NIN SE REINICIARON AS ACTIVIDADES NIN SE PAGARON TODOS OS ATRASOS AO CADRO DE PERSOAL

Queixas leva ao #PlenoMarzo a falta de respostas do Goberno Local á paralización do Programa de Lecer

Concentración profesorado e persoas usuarias do Programa Lecer, en María Pita. 2 de febreiro de 2026.
Imaxe dunha das mobilizacións do cadro de persoal e das persoas usuarias
A concelleira do BNG Mercedes Queixas volve levar ao Pleno, o vindeiro xoves 5 de marzo, a situación do Programa de Lecer, ao non se teren reiniciado as súas actividades e non se teren pago aínda todos os atrasos ao cadro de persoal.
Queixas leva ao #PlenoMarzo a falta de respostas do Goberno Local á paralización do Programa de Lecer

“Cando vai recuperar o Goberno Local o Programa de Lecer?”, ese é o teor literal da pregunta que formulará a concelleira nacionalista durante a sesión de control ao Executivo coruñés.

“Pasan os días, avanzan as semanas, e o Programa de Lecer continúa paralizado, as traballadoras e traballadores continúan sen traballo e sen cobrar os atrasos, e continúan, un mes máis, sen saber nada da subrogación a outra empresa, anunciada polo concelleiro de Cultura no Pleno pasado”, refire Queixas.

“E continúan as formadoras e formadores do Programa de Lecer sen seren recibidos pola alcaldesa, tal e como ela se comprometera no seu día”, critica Queixas, quen insta o Goberno Local a que poña xa a data ao reinicio das actividades dunha iniciativa cultural “acompañada por miles de usuarias e usuarios”.

“Queremos saber cando o Goberno Local vai demostrar que si está comprometido coa cultura de base e co respecto dos dereitos laborais das súas traballadoras e traballadores”, conclúe.

 

 

 

 

Queixas leva ao #PlenoMarzo a falta de respostas do Goberno Local á paralización do Programa de Lecer