ÍAN SER PARA DEMANDANTES DE VIVENDA, AGORA SERÁN, SEN O CONSENSUAR CON EMVSA, PARA ENTIDADES SOCIAIS
Veira interésase por saber por que a alcaldesa decidiu mudar o destino dos pisos de Pontejos
Estaríamos ante unha mudanza a respecto da idea orixinal deste proxecto construtivo, que era a de, concurso mediante, destinar as vivendas a aluguer social.
De feito, así o reflectía o Goberno Local nunhas recentes respostas a preguntas por escrito formuladas no pasado mes de xaneiro pola nosa concelleira Avia Veira. Nelas, o Executivo coruñés afirmaba que a obra de Pontejos fora recibida polo Concello o 18 de decembro de 2025, alén de consignar que se estaban a ultimar os detalles para a posta en uso deses pisos municipais e que en breve remataría o proceso de redacción das bases, coa intención de adxudicar as vivendas o antes posíbel.
Sorprende, pois, esta mudanza na posición do Goberno Local, de aí que Avia Veira acaba de rexistrar un feixe de preguntas ao respecto.
“Chama a atención”, afirma a concelleira, “que esta decisión [a de ceder o edificio a entidades sociais e non a persoas demandantes de vivenda] non foi acordada en ningún órgano de decisión municipal nin de EMVSA, á que o Goberno Local lle encomendou a xestión do Banco Municipal de Vivendas. E, por suposto, sorprende moito este anuncio despois de tantos anos de espera das coruñesas e dos coruñeses demandantes de vivenda por eses 5 pisos”.
“Ou ben se nos ocultou esta información, na recente resposta ás nosas preguntas, ou ben esta decisión é improvisada”, critica Veira, quen se pregunta “como é posíbel que a alcaldesa anuncie esta mudanza de posición sen que se acordase nada en EMVSA”.
A impresión é que este xiro de guión non só non se consensuou con EMVSA, senón que tampouco coas entidades sociais.
“Vimos de ter un recente encontro con organizacións que traballan no ámbito da exclusión social e o que nos transmiten é que o que necesitan non é tanto pisos como unha especie de hostal municipal que, para as persoas usuarias destes servizos, sexa unha sorte de paso intermedio entre os recursos de que xa dispoñen esas entidades e a vida independente”, refire Veira.