UNHA PREGUNTA POR ESCRITO DE AVIA VEIRA
Que razóns levan o Goberno Local a lle denegar axudas á Asociación Sarcoma de Galicia?
En realidade, Benestar Social non só denegou a subvención nominativa a ASARGA, senón tamén a cesión dun local municipal, a pesar de que en primeira instancia si lle comunicara a esta entidade a disposición favorábel a lle facilitar un espazo para nel realizar as súas actividades (entre elas, loxicamente a de atender as persoas doentes).
Teñamos en conta que –tal e como subliña Veira na exposición de motivos desta iniciativa- ASARGA “é unha asociación que agrupa doentes de sarcomas, unha enfermidade que é dobremente complicada, xa que se trata a un tempo dun cancro e unha doenza rara”.
ASARGA –entidade coa que o grupo municipal do BNG mantivo recentemente unha reunión, da que nace esta iniciativa- tivo varios contactos directos coa Concellaría do Benestar Social. Neles demandou apoio económico –o convenio nominativo- para “axudar a financiar o salario” da súa traballadora social e tamén a cesión dun local.
ASARGA “é unha asociación que agrupa doentes de sarcomas, unha enfermidade que é dobremente complicada, xa que se trata a un tempo dun cancro e unha doenza rara”
Benestar Social indicoulle a ASARGA que non vía posíbel asinar o convenio –de aí que o BNG inquira agora os motivos da negativa-, mais no Pleno de xuño o voceiro do Goberno Local, José Manuel Lage, abriu a porta a que se abra unha nova negociación para aprobar máis un modificativo de crédito que permitise chegar a máis entidades.
Canto á cesión do local, o BNG considera “intolerábel” a “maneira de funcionar” de Benestar Social.
En efecto: nun primeiro momento, o Goberno Local comunicoulle a ASARGA que cabía a posibilidade de que puidese compartir un espazo coa Asociación de Celíacos de Galiza, no centro Ramón Cabanillas. ASARGA concertou daquela unha reunión con esa entidade para ver o local. Dúas horas antes de se producir a cita, relata Avia Veira, “reciben unha chamada do Concello para dicir que non hai tal cesión e que o Goberno Local está a planificar unha reorganización dos espazos que ten cedidos ás entidades sociais”.
Canto á cesión do local, o BNG considera “intolerábel” a “maneira de funcionar” de Benestar Social.
Esta falta de seriedade do Goberno Local fai que a concelleira lle pregunte “cal é o motivo polo que Benestar Social lle adxudicou nun primeiro momento un espazo a ASARGA, cun horario xa asignado” para, uns días despois, “negarllo”.
A edil nacionalista inquire o Goberno Local se é certo que Benestar Social vai iniciar un proceso de reorganización dos espazos cedidos ás entidades sociais e cantas delas se verían afectadas.