MERCEDES QUEIXAS MANTIVO UN ENCONTRO CON ESTUDANTES NO CAMPUS DE ELVIÑA
Se es universitarix tes case imposíbel acceder a unha vivenda na cidade: eis as nosas propostas
Queixas demanda que se desenvolva unha bolsa de vivenda pública en réxime de aluguer na Coruña destinada ao estudantado de formación superior, constituída a través da compra, a rehabilitación e a construción de inmóbeis novos. Ao mesmo tempo, propón que se oferten prazas en residencias públicas, rehabilitando infraestruturas existentes e creando outras novas en terreos propiedade da Xunta.
A deputada mantivo esta mañá un encontro con estudantes no campus de Elviña e deu a coñecer estas propostas nunha comparecencia perante os medios. Nela denunciou que “A Coruña é unha cidade universitaria e resulta inexplicábel que a día de hoxe non conte con oferta de ningunha praza de residencia pública por parte da Xunta”.
Esta carencia condiciona, “cando non impide”, o acceso á formación universitaria na UDC.
“A Coruña é unha cidade universitaria e resulta inexplicábel que a día de hoxe non conte con oferta de ningunha praza de residencia pública por parte da Xunta”, denuncia Mercedes Queixas
E é que acceder a unha vivenda a prezos asequíbeis na Coruña é unha empresa practicamente imposíbel para as maiorías sociais. “As persoas inscritas como demandantes de vivenda pública no rexistro do Instituto Galego da Vivenda e Solo son máis de 2.300, unha situación que contrasta co feito de na cidade haber máis de 20.000 moradas baleiras, ao tempo que a oferta de vivendas de uso turístico non deixa de medrar sen que esta actividade, que obviamente reduce o número de casas para o aluguer convencional, sexa regulada pola Xunta”, salienta.
“A oferta de vivendas en aluguer segue a diminuír na Coruña e os prezos non deixan de subir, o que obriga a cidadanía a dedicar até 54,12% do salario medio galego, o que fai inviábel garantir o acceso a unha vivenda digna”, remarca Queixas para a seguir engadir que este problema atinxe directamente “a xente moza que vén estudar á nosa cidade”.
As persoas inscritas como demandantes de vivenda pública no rexistro do Instituto Galego da Vivenda e Solo son máis de 2.300, unha situación que contrasta co feito de na cidade haber máis de 20.000 moradas baleiras
Para a deputada nacionalista, non hai solución ao problema de vivenda que non pase polo protagonismo “das políticas públicas” e nese sentido lamenta a inacción da Xunta, constatada ao longo de 15 anos de goberno en que a Administración galega só construíu 40 pisos na nosa cidade.