PREGUNTA ORAL DE AVIA VEIRA AO EXECUTIVO CORUÑÉS NO VINDEIRO PLENO DE MAIO

A promotora das Percebeiras pregunta nunha enquisa por edificios de 20 alturas cando só están aprobados de 14

Campaña BNG As Percebeiras.
Campaña do BNG contra os mamotretos nas Percebeiras
A empresa inmobiliaria que vai desenvolver o Plan Especial de Labañou, ou sexa, a promoción das Percebeiras, está a testar a opinión pública sobre o seu proxecto co envío dun cuestionario ao tecido asociativo da cidade.
A promotora das Percebeiras pregunta nunha enquisa por edificios de 20 alturas cando só están aprobados de 14

Neste cuestionario inquírese sobre a construción un bloque escalonado de edificios que terían entre 4 e 20 alturas. E aquí vén o problema, pois o plan aprobado polo Goberno Local contemplaba 14 alturas como máximo (deuse luz verde a bloques de 2, 3, 8, 11 e 14 alturas).

É por isto que a nosa concelleira Avia Veira acaba de rexistrar unha pregunta oral ao Executivo coruñés para o Pleno do vindeiro 5 de maio co seguinte texto: “Por que a empresa inmobiliaria impulsora do proxecto das Percebeiras está a preguntar a entidades sociais da nosa cidade pola súa opinión sobre a construción dun bloque escalonado de 4 a 20 alturas en Labañou?”.

Está claro que aparentemente existe unha discrepancia entre os plans da promotora e o plan aprobado polo Goberno Local e que aquela quere construír vivendas con máis alturas, denuncia Avia Veira.

Canto á lóxica de a promotora estar a realizar unha consulta cidadá, para a concelleira nacionalista o asunto está claro: “O que pretende a empresa é xustificarse e darlle un verniz de participación pública ao proxecto e, dese xeito, tratar de conseguir apoio social a súa iniciativa”.

Mais esa pretensión da empresa é ilusoria, pois dificilmente pode ter apoio social un proxecto cuxa posta en práctica contradi políticas como a protección do litoral da Ría do Burgo ou a adhesión da Coruña á asociación de cidades pola loita contra as alteracións climáticas. “A construción de mamotretos pegados ao mar, eliminando unha zona verde e deixando en sombra as vivendas do grupo María Pita, nunca vai contar coa simpatía da sociedade coruñesa”, conclúe Avia Veira.

 

 

A promotora das Percebeiras pregunta nunha enquisa por edificios de 20 alturas cando só están aprobados de 14