Principio de acordo sobre o Presco 2021: "Imos facilitar a súa aprobación, aínda que debería estar dotado con máis recursos"

FJ Presco
A Comisión de Economía e Facenda viu esta mañá como finalmente se alcanzaba unha sorte de principio de acordo sobre o Presco 2021, a falta de algúns flocos.
Principio de acordo sobre o Presco 2021: "Imos facilitar a súa aprobación, aínda que debería estar dotado con máis recursos"

“Imos facilitar a aprobación do novo Presco, aínda que teríamos gostado de que tivese unha maior dotación económica. Nese sentido, lamentamos que o Goberno Local non atendese a nosa proposta de subscribir un crédito para dotar este plan de máis recursos”, avalía Francisco Jorquera.

O voceiro nacionalista deplora que “este acordo chegue con tanto retraso” e que o Presco vaia ter uns fondos (6,2 millóns de euros) que apenas representa a metade dos que tivo o Presco 2020 (13).

“Con todo, hai un refrán que di ‘vale máis un acordo do que un bo preito”, apunta Jorquera. A xuízo do BNG, nin o Presco nin a ampliación dos convenios nominativos poden agardar máis –tampouco o poden facer os sectores máis damnificados pola crise provocada pola covid-19-, polo que a formación nacionalista vai facilitar a aprobación desta nova edición do plano de recuperación económica e social.

Á vez, Jorquera congratúlase de que “no proceso de negociación fosen incorporadas moitas propostas formuladas polo BNG”, entre elas a flexibilización dos criterios nas denegacións de axudas por impagos á Facenda local –non excluíndo as persoas solicitantes que tivesen pedido o adiamento ou o fraccionamento dos seus pagos pendentes- ou o desenvolvemento dunha bolsa de baixos comerciais en réxime de aluguer.

Presco

O acordo chega con retraso, critica Jorquera, e faino a consecuencia dunha decisión errónea do Goberno Local, a de prorrogar os orzamentos de 2020, “no canto de ter consensuado unhas novas contas adaptadas á actual situación de crise”.

O Presco 2021 chega cunha dotación ben curta e o BNG lamenta que o Goberno Local non atendese a súa proposta de o Concello subscribir un crédito para financiar este plan con máis recursos, de modo a incrementar as axudas aos sectores que peor o están a pasar nesta situación de emerxencia económica, social e sanitaria.

Porén, o BNG entende que a cidade non podía agardar máis e que é perentorio mobilizar recursos que contribúan para que se reactive a economía local e non só se salven empregos, senón que tamén se críen novos postos de traballo.

 

Achegamos a seguir unha listaxe das propostas do BNG incorporadas ao PRESCO e aos convenios.

 

PRESCO

 

Axudas a persoas autónomas e PEMES

  • Simplificar e axilizar a súa tramitación para evitar retrasos na concesión e recepción das mesmas.  Establecer como mecanismo para a presentación de solicitudes o acompañamento da instancia principal dunha declaración responsábel.
  • Flexibilizar os criterios nas denegacións por impagos á facenda local, non excluíndo aos solicitantes que tivesen solicitado o adiamento e/ou fraccionamento de pagos á facenda local.

 

Incentivos ao consumo para dinamizar a economía a través dos bonos PRESCO

  • Establecer tamén a existencia de bonos físicos, para evitar situacións de exclusión por dificultades de acceso ás novas tecnoloxías.
  • Estender os bonos a outros segmentos que están a sufrir con particular intensidade as consecuencias da crise, en particular  salón de peiteados e taxis.
  • Adaptar o sitema de bonos ou descontos á realidade singular da  hostelaría, no que que hai establecementos nos que se abonan consumicións relativamente elevadas (restaurantes) e outros nos que predominan as pequenas consumicións.
  • Estender os bonos cultura a outros “consumos culturais” alén das librarías (teatro, cinema, concertos, etc).

 

Outras medidas específicas destinadas ao comercio e á hostelaría

  • Desenvolver a bolsa de baixos comerciais en réxime de alugueiro.

 

E para a cultura

  • Posta en marcha dun amplo programa de actividades culturais, con eventos en todos os barrios da cidade e contando de xeito preferente coas traballadoras e traballadores da cultura locais e coas salas de concertos e locais con actuacións musicais en vivo.
  • Na convocatoria de bolsas de creación artística para artistas individuais contemplar as artes escénicas e musicais (teatro, danza, música).

 

Outras medidas

  • Dinamizar a constitución e posta en marcha dos traballos do Consello Económico e Social, concebido como un marco de diálogo e consulta permanente cos axentes sociais. Impulso á elaboración dun Plan de desenvolvemento e industrialización da Coruña e área metropolitana, que aposte pola diversificación económica e actividades de alto valor engadido.

 

Convenios

  • Inclusión de novas entidades e ampliación de partidas a proposta do BNG.

 

Principio de acordo sobre o Presco 2021: "Imos facilitar a súa aprobación, aínda que debería estar dotado con máis recursos"