QUE O GOBERNO LOCAL SE COMPROMETA A NON DESTINAR DIÑEIRO A COMPRAR BENS QUE XA SON PÚBLICOS
Presentamos as nosas propostas para os orzamentos do Concello-2022, con especial destaque para os barrios
No encontro cos medios, que tivo lugar na nosa sede da rúa Damas, Jorquera remarcou que no Acordo de Investidura asinado polo BNG e o PSdeG para tornar viábel o acceso de Inés Rey á Alcaldía figuraba “o compromiso de iniciar a negociación dos orzamentos o mes de setembro”.
Pois “resulta que estamos ás portas de entrar en novembro e o BNG nin tan sequera foi convocado para manter a primeira reunión”, dixo Jorquera, quen lamentou “este incumprimento” por parte do Goberno Local. Esta falta de respecto ao asinado súmase á do ano pasado, “cando o grupo socialista decidiu, de xeito unilateral, prorrogar para 2021 os orzamentos de 2020”.
O Goberno Local non cumpriu, mais o BNG “non ficou parado e á espera” e por iso presentou nesta conferencia de prensa os seus criterios e propostas cara á elaboración dos orzamentos do Concello, subliñou o voceiro nacionalista. Propostas “que remitiremos hoxe mesmo ao Goberno municipal e ao resto dos grupos da oposición” e que o BNG vai completar “nos vindeiros días con propostas específicas para os distintos barrios da nosa cidade”.
O Goberno Local non cumpriu cos seus compromisos, mais o BNG “non ficou parado e á espera”
As propostas, subliñouno o voceiro nacionalista, non só “plasman as ideas do BNG”, mais tamén “son froito do diálogo co tecido asociativo da cidade”, como igualmente incorporan acordos plenarios. “O BNG non entende a política como un exercicio de simulación. Se no Pleno se chega a acordos, estes teñen que ir acompañados da correspondente asignación orzamentaria”, enfatizou Jorquera.
Os criterios
E cales deben ser os criterios que informen os próximos orzamentos do Concello a xuízo do BNG?
Pois “teñen que ser marcadamente sociais”, “favorecer o dereito á vivenda, con medidas como a potenciación dun banco de moradas en alugueiro a prezo taxado, o impulso á rehabilitación ou o desenvolvemento dun Plan Municipal polo Dereito á Vivenda”, “teñen que ser uns orzamentos que favorezan a reactivación económica” e unhas contas “que sitúen os barrios no centro”.
Sobre este último aspecto, estendeuse o voceiro nacionalista: “A Coruña non é só o centro. Preocúpanos a situación de degradación de moitos barrios. É necesario mobilizar recursos para facer fronte ao seu declive e impulsar a súa rexeneración”. E como? Pois inxectando recursos. “Por iso propoñemos destinar os 15 millóns de euros que o Goberno Local comprometeu para a adquisición dos peiraos de Calvo Sotelo e Batería a incrementar a dotación para o desenvolvemento dun Plan de Rexeneración e Revitalización dos Barrios, con medidas en materia de urbanismo, vivenda, políticas sociais, dinamización socio-cultural ou revitalización comercial”.
Aquí hai unha clara liña vermella á que “o BNG supedita calquera acordo orzamentario”, a de non destinar fondos do Concello para a compra duns peiraos que xa son públicos. Ese diñeiro debe ir, si ou si, a “atender cuestións prioritarias que si dependen do seu ámbito competencial”.
"A Coruña non é só o centro. Preocúpanos a situación de degradación de moitos barrios. É necesario mobilizar recursos para facer fronte ao seu declive e impulsar a súa rexeneración”.
Mais o BNG engade a esta liña vermella unha esixencia, a de que o Goberno Local se comprometa a que, unha vez aprobados os orzamentos, non procure pola porta de atrás a súa mudanza, vía modificativo de crédito, para desviar eses 15 millóns de euros a Batería e Calvo Sotelo.
Non ten sentido gastar diñeiro público en comprar bens que xa son públicos, insistiu Jorquera, e nomeadamente “cando hai outras solucións”. E así esclareceu que “noutras cidades se cederon ou se van ceder terreos portuarios para desfrute das persoas sen custo para esas urbes”. “Sobre iso”, díxolles aos medios, “anticípovos que formularemos unha pregunta ao Goberno no vindeiro Pleno”.
Hai máis: o BNG no Congreso, anunciou o voceiro nacionalista, vai presentar unha emenda aos orzamentos do Estado para que se condone a débeda do Porto da Coruña “ou, no seu lugar, para que a Administración Xeral do Estado contribúa á transformación dos terreos do porto interior da Coruña por unha cantidade equivalente á débeda da Autoridade Portuaria da Coruña con Portos do Estado”.
“Se o PP e o PSOE, que aquí din estar a favor da condonación, votan a favor desa emenda, o futuro da fachada marítima está garantido”, concluíu Jorquera.