VAINA DEFENDER AVIA VEIRA NO PLENO DO 2X

Presentamos unha moción para que se investigue a xestión das residencias de maiores durante a pandemia

residencias
Foto: La Opinión
O grupo municipal do BNG rexistrou unha moción para o seu debate no Pleno do vindeiro 2 de xullo co propósito de que a Corporación se dirixa ao Parlamento galego para que este constitúa unha Comisión de Investigación sobre a xestión da crise sanitaria da Covid-19 feita polas residencias de maiores.
Presentamos unha moción para que se investigue a xestión das residencias de maiores durante a pandemia

A moción vaina defender a concelleira Avia Veira, quen, na exposición de motivos da iniciativa, enfatiza que "desde que Feijóo é presidente non se ten creado nin unha soa nova praza en ningunha residencia de xestión pública directa".

O modelo polo que se apostou desde o Goberno galego foi o da privatización. Os resultados están á vista. "As residencias públicas de xestión directa son as que demostraron ser, fronte á Covid-19, moito máis seguras para a vida do que as residencias de xestión privada. Aproximadamente, o 45% das mortes na Galiza foron en residencias e desa percentaxe o 98% foron en residencias privatizadas", aduce Avia Veira.

Que debería ter feito o Goberno galego durante a crise? Pois debería ter procedido á medicalización total das residencias "que presentaran brotes de Covid-19 desde un primeiro momento". "Nalgunhas só se interveu cando os centros recoñeceron as súas limitacións e carencias en infraestruturas, persoal, materiais de illamento, equipos de protecciòn individual, métodos de detección, etc", argumenta a edil soberanista.

A moción tenciona tamén que o Pleno inste a Xunta de Galiza a que, entre outras cousas, garanta que a próxima residencia da terceira idade que se constrúa na Coruña "sexa de xestión pública e directa", alén de demandar que o Goberno galego mude as políticas de privatización e camiñe "cara á xestión directa dos centros socio-sanitarios de atención á dependencia".

O BNG tamén esixe que se mellore o sistema de información ás familias das persoas residentes, após ter estas denunciado reiteradamente a opacidade das residencias e e mesmo os atrancos existentes para a comunicación cos seus seres queridos.

"As familias quéixanse tamén dunha opacidade total dos datos das persoas que faleceron ou ben nas instalacións das residencias ou ben nos hospitais se é que foron derivadas, un descontrol de datos que vén tamén derivado da falta de control e determinación para intervir as residencias privadas e concertadas por parte da Xunta de Galiza", indica Avia Veira.

A crise da Covid-19 ensínanos que "hai que mudar determinadas políticas". "Hai que darlle a volta ao modelo Feixóo de residencias privadas e de ausencia de prazas públicas. Hai que tratar os nosos maiores con dignidade e cos recursos precisos. Por iso nós facémonos eco da demanda da asociación Rede de familiares e persoas usuarias de residencias de maiores e pedimos na moción que se investigue o que aconteceu nestes centros", conclúe.

 

Presentamos unha moción para que se investigue a xestión das residencias de maiores durante a pandemia