RÍA DO BURGO

Presentada xa a primeira iniciativa despois da visita da semana pasada de Ana Miranda á Ría do Burgo

Presentamos xa no Parlamento europeo unha iniciativa para lle esixir ao Goberno do Estado os investimentos necesarios para a rexeneración e dragado de lodos da Ría do Burgo

Despois da visita na semana pasada de Ana Miranda, a nosa representante en Europa, ao mesmo lugar onde a Comisión europea realizou a propia en 2013, e despois de comprobar que a contaminación da Ría do Burgo e que o nivel de lodos presenta as mesmas medicións que naquel momento, instamos á Comisión europea a realizar as accións necesarias para que se dote de fondos para o saneamento da nosa Ría

Tal e como adiantabamos a semana pasada, contemplamos seriamente presentar unha nova denuncia nas instancias europeas pola inexecución das resolucións do informe de 2013

Presentada xa a primeira iniciativa despois da visita da semana pasada de Ana Miranda á Ría do Burgo

Vimos de presentar, a través da nosa representante en Europa, Ana Miranda, unha pregunta para a súa resposta por escrito (podes vela aquí) na que se inquire se a Comisión vaille a exixir ao Estado español o investimento dos fondos necesarios para a extracción dos lodos e o tratamento da parte degradada, tal e como esixiu a misión do Parlamento europeo nas rías da Galiza en 2013.

Esta iniciativa é froito da visita que na semana pasada realizaron a nosa deputada no Parlamento europeo xunto con concelleiras e concelleiros da comarca da Coruña ao mesmo sitio que a propia realizada pola Comisión de Peticións en 2013 para a comprobación da contaminación e dos lodos, e que como naquela altura, púidose constatar que a contaminación e nivel de lodos presenta as mesmas medicións que naquel momento.

Nesta comparecencia xa anunciabamos, precisamente, a presentación de distintas iniciativas, entre elas esta de onte, como continuidade a actividade de seguimento que realizamos da situación da Ría do Burgo, e que durante todos estes anos tivo o seu reflexo na presentación anualmente de preguntas á Comisión europea para saber se existía orzamento para a actuación na Ría do Burgo.

Deste xeito, e tal como comunicabamos nesta visita á Ría, contemplamos seriamente presentar, en vindeiras datas, unha nova denuncia nas instancias europeas pola inexecución das resolucións do informe de 2013.

Como xa diciamos na semana pasada, a Ría do Burgo para o Bloque é unha prioridade e non nos cansaremos de demandar a súa recuperación e rexeneración. A súa importancia é capital e esiximos de vez a elaboración dun proxecto integral que vaia alén do dragado, impulsando un plan de conservación e rexeneración ambiental que permita recuperar os seus valores medio ambientais e o seu potencial produtivo. E non permitiremos o desleixo e abandono que o Estado español fai reiteradamente dos areais e da nosa ría.

A Coruña, 31 de maio de 2017

 

Noticias relacionadas:

Presentada xa a primeira iniciativa despois da visita da semana pasada de Ana Miranda á Ría do Burgo