O PP exclúe @s nen@s con necesidades especiais dos campamentos do Ágora e do Fórum

O PP exclúe @s nen@s con necesidades especiais dos campamentos do Ágora e do Fórum

campamentoA Coruña, 19 de xuño de 2014- “La actividad no cuenta con profesionales de apoyo para niños con necesidades educativas especiales”. Así reza o díptico dos campamentos de verán organizados polo Concello no Ágora e no Fórum Metropolitano e en que poden participar os nenos e nenas nadas entre 2002 e 2010. Para o Grupo Municipal do BNG isto supón marxinar na práctica as crianzas que teñen as necesidades específicas de apoio educativo, pois haberá pais e nais que, dada esta advertencia, non apuntarían os seus fillos e fillas nos campamentos.

O Grupo Municipal do Bloque pon de manifesto que, lonxe desta discriminación, o Concello, como administración pública que é, ten a obriga de atender este tipo de necesidades específicas, mesmo nas actividades de lecer, para que a vida destes rapaces e rapazas se desenvolva coa maior normalidade e en pé de igualdade co resto dos nenos e nenas.

O BNG lembra que até o de agora os campamentos urbanos ofertados polo Concello contaban con prazas reservadas para menores con necesidades específicas de apoio educativo, de aí que non se comprenda a súa supresión.

Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG presentou unha batería de preguntas para a resposta escrita nas que se interesa polo motivo polo cal o Concello non vai contar este ano con prazas reservadas a nenos e nenas con necesidades especiais e para saber se o Goberno municipal considera que é social e culturalmente aceptábel marxinar as crianzas que máis necesidades teñen. Ademais, o BNG pregunta se os campamentos dos centros cívicos van contar con prazas reservadas e con persoal cualificado para atender estes nenos e nenas e en que condicións se van atender estes rapaces e rapazas con necesidades específicas.

 

O PP exclúe @s nen@s con necesidades especiais dos campamentos do Ágora e do Fórum