O Porto obtén 17,3 millóns de beneficio mentres o Concello da Coruña paga as obras do Parrote
A Coruña, 12 de setembro de 2012.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, considera un insulto os 17,3 millóns de euros que tivo de beneficio a Autoridade Portuaria no 2011, cando vai ser o Concello da Coruña quen asuma os 14 millóns de euros (máis o IVE) do viario soterrado do Parrote, que inclúe parte da estrutura do aparcadoiro soterrado de Copasa ao discorrer por debaixo del. Explica Carril que o financiamento por parte do Concello deses 14 millóns de euros, máis o 21 por cento de IVE, é resultado do convenio asinado en xaneiro deste ano entre o Sr. Negreira e o presidente da Autoridade Portuaria, o Sr. Losada. Lembra o nacionalista que os terreos en que se van executar as obras son propiedade do Estado, ao formar parte do dominio marítimo terrestre, e non do Concello, polo que estas actuacións non deberían ir por conta da cidadanía da Coruña.
Carril pon de manifesto que, segundo o reflectido polo BOP de hoxe, a cifra de negocio da Autoridade Portuaria, que presume no informe de xestión de cumprir o plan de austeridade do Goberno central, aumentou respecto ao ano 2010 un 4,5%, malia o descenso do tráfico total. O nacionalista ve un despropósito que o Concello da Coruña teña que pagar unhas obras de 14 millóns de euros nuns terreos que non son de titularidade municipal para facerlle o xogo a Autoridade Portuaria, cando a entidade presidida por Enrique Losada gañou no 2011 un total de 17,3 millóns.
Resulta insultante o beneficio da Autoridade Portuaria, cando vai ser o Concello quen pague os 14 millóns do Parrote, nuns terreos que pertencen ao porto
Lembra o portavoz do BNG que os orzamentos municipais de 2012 recollen 3 millóns de euros para viarios soterrados na Mariña e no Parrote, financiados, na súa totalidade, mediante un empréstito que supón máis beneficios para a banca en detrimento da cidadanía. Os 3 millóns que o Sr. Negreira sepulta no Parrote son unha transferencia de capital do Concello da Coruña á Autoridade e a Copasa, cando eses cartos públicos poderían ser destinados a investir cartos en servizos sociais e en promoción de emprego.