Pontón pide concentrar no BNG o voto das persoas que queren unha Coruña en grande, sustentábel, feminista e de vangarda
O Parque de Eirís -moi perto das ruínas do coñecido como Castelo de Valparaíso, desde o que se enxerga unha espectacular vista da baía coruñesa- acolleu este martes unha reunión de candidatas e candidatos do BNG da cidade e da comarca coa portavoz nacional Ana Pontón. A líder nacionalista chamou a concentrar na lista liderada por Jorquera o voto das persoas que queren unha Coruña en grande, sustentábel, feminista e de vangarda.
No encontro cos medios, o candidato do BNG á Alcaldía, Francisco Jorquera, comprometeuse a que un Goberno Local liderado pola formación nacionalista lle dará impulso á área metropolitana da Coruña. Farao porque, dixo, “A Coruña real non remata na Ponte da Pasaxe e non se pode deseñar A Coruña do futuro sen atender esta dimensión”. “Milleiros de coruñesas e coruñeses viven en Oleiros, Cambre ou Culleredo e traballan na Coruña, como tamén milleiros de coruñesas e coruñeses viven na Coruña, mais traballan en Arteixo ou outros concellos da contorna”.
Esa realidade metropolitana carece neste momento de articulación institucional, necesaria para dar resposta a problemas como as dificultades para acceder a unha vivenda digna a prezos razoábeis, os colapsos do tráfico ou unha mellor e máis sustentábel xestión do tratamento de residuos.
Razoou Jorquera que estes 4 anos foron 4 anos perdidos por falta de impulso do goberno local, o da cidade da Coruña, chamado a liderar o proceso de constitución da área metropolitana.
“En outubro de 2019, e por iniciativa do propio Goberno Local, o Pleno aprobou dar os primeiros pasos para a elaboración dun anteproxecto de conformación da área metropolitana. Pois ben nada se fixo. Dous anos despois, en agosto de 2021, PSOE e Marea Atlántica comprometéronse a presentar ese anteproxecto en setembro dese ano. Un novo compromiso que ficou incumprido”, lamentou Jorquera.
Á vista dos precedentes, Jorquera remarca que “só pode impulsar a Área Metropolitana da Coruña quen concibe a nosa cidade como unha península e non como unha illa”. Só a pode impulsar “quen ten un proxecto de cidade e un proxecto comarcal precisamente porque ten proxecto de país”.
Ana Pontón: “Jorquera é o alcalde que A Coruña necesita para avanzar”
En definitiva, se non temos aínda área metropolitana é porque faltou impulso político e Francisco Jorquera –remarcou na súa intervención Ana Pontón- “vai ser o alcalde que lle devolva a esta cidade o liderado” nesa futura institución supramunicipal.
“Jorquera pensa na Coruña en grande, inserida nun modelo de país. Sabe que se lle vai ben á Coruña lle vai ir ben a Galiza e se lle vai ben a Galiza lle vai ir ben á Coruña”, dixo a líder nacionalista. “A cidade da Coruña necesita un impulso. Novas ideas. Máis ambición da que tivo durante estes anos. Francisco Jorquera é o alcalde que necesita A Coruña para avanzar”, concluíu.