JORQUERA ATENDE OS MEDIOS DIANTE DO SOAR DE ADELAIDA MURO
Un alcalde do BNG non toleraría que Defensa actuase como unha inmobiliaria na nosa cidade
Arroupado por un nutrido grupo de persoas –entre elas Avia Veira e Mercedes Queixas, números 2 e 3 da candidatura do BNG-, o candidato do Bloque á Alcaldía, Francisco Jorquera, instou esta mañá ao Ministerio de Defensa a que “deixe de se comportar como unha inmobiliaria e a que ceda os seus terreos ao Concello, sen custo, para que A Coruña poda engrosar o seu parque municipal de vivendas”.
“Grazas ao traballo de anos de plataformas como Defensa do Común ou de colectivos como a Asociación Veciñal de Monte Alto, traballo que tivo sempre o apoio do BNG, estase abrindo paso unha vía que durante anos foi negada polo Goberno do Estado: a posta a disposición de soares do Ministerio de Defensa para a construción de vivenda social”, afirmou Jorquera. “Lembremos que o que pretendía Defensa era vender este soar de Adelaida Muro a unha inmobiliaria privada para que construíse vivendas de luxo. Felizmente iso xa non vai ser así”.
Mais o Ministerio de Defensa “continúa sen concretar de que propiedades dispón na cidade para as ceder ao Concello” e a fórmula que se vai recorrer é “moi confusa”. “Defensa vai vender os soares ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e este será quen constrúa as vivendas. Desde o BNG o que pedimos é que se deixe de marear a perdiz, que diga de cantos soares dispón e que se cedan gratuitamente ao Concello”, afirma Jorquera.
O Ministerio de Defensa “continúa sen concretar de que propiedades dispón na cidade para as ceder ao Concello” e a fórmula á que se vai recorrer é “moi confusa”.
A mesma confusión reina en relación ás propiedades da SAREB: “Durante anos defendemos que se cedesen ao concello e díxosenos que iso era imposíbel. Agora afírmase que as terá que mercar primeiro a Xunta para logo transferilas á administración local. Aquí tamén demandamos transparencia: que se esclareza o número de inmóbeis de que dispón o chamado banco malo e que estean en boas condicións de habitabilidade. E a partir de aí que se cedan gratuitamente ao Concello”.
En realidade, A Coruña o que precisa é un alcalde que “sexa esixente coas administracións competentes en materia de vivenda” e que “non se comporte como un delegado da Xunta ou do Estado na Coruña”. “As coruñesas e os coruñeses saben que un alcalde do BNG será dialogante, mais firme na defensa das necesidades e demandas da cidade”, dixo.
Non están en causa só os inmóbeis da SAREB ou os soares de Defensa. Hai outras propiedades do Estado español que se achan “totalmente en desuso e infrautilizadas” e que o Goberno central se nega a ceder á cidade, “tales como o cárcere –que se atopa nun estado vergoñento- ou o cuartel de Atocha, un edificio emblemático carente neste momento dun uso militar minimamente relevante”.
Avaliación inquéritos
Interpelado polos medios, Jorquera fixo a seguinte avaliación sobre os inquéritos publicados nas últimas horas.
“Nalgunhas das sondaxes aparezo como o candidato mellor valorado polas coruñesas e os coruñeses. As miñas grazas ás veciñas e veciños pola confianza que depositan en min.
En xeral, os inquéritos están a reflectir que o BNG é unha forza claramente en ascenso e que vai ser determinante na política municipal. É a única forza que, en relación a 2019, sobe en todas as enquisas publicadas. Mais non nos conformamos. Aspiramos a liderar politicamente esta cidade. Hai moito voto indeciso e a recta final de campaña vai ser decisiva”.
"Nalgunhas das sondaxes aparezo como o candidato mellor valorado polas coruñesas e os coruñeses. As miñas grazas ás veciñas e veciños pola confianza que depositan en min".
Jorquera expresa a súa convicción de que “aglutinando, concentrando o voto no BNG, é posíbel o cambio de rumbo que a cidade necesita”.
“Hai moitas coruñesas e coruñeses que saben que a vía do PP é un retorno a un pasado fracasado, hai moitas coruñesas e coruñeses que se senten decepcionados pola xestión do PSOE á fronte do Goberno Local. Esas veciñas e veciños ven necesario un cambio de rumbo. Chámoos a que concentren os votos no BNG porque ese é o xeito máis útil de lle imprimir ese cambio de rumbo á cidade”.