Pontón anuncia na Coruña que o BNG levará a deslocalización de Teleperformance ao Concello, Parlamento galego e Congreso
“É impresentábel que nesta crise de prezos na que o lobby eléctrico se está forrando literalmente, non só o faga senón que ademais estea traballando para que se perda emprego que había localizado no noso País”, reprobou Pontón nunha comparencia ante os medios posterior ao encontro co comité de empresa. A líder da oposición remarcou a seguir que o Bloque levará este tema ao Pleno do Concello da Coruña o próximo xoves, ao Parlamento galego e ao Congreso.
Segundo recalcou, “non podemos permitir que no medio desta crise se vaian a perder 90 postos de traballo na Coruña por unha decisión que o único que busca é o máximo lucro”, polo que apelou á responsabilidade das Administracións sobre o modo no que están a axir as eléctricas. “Xunta e Goberno central deben actuar para evitar este tipo de deslocalizacións e para que teñamos unha normativa que realmente protexa o traballo que hai no noso País e se garanta unha atención de calidade ás persoas usuarias do sistema eléctrico”, engadiu.
Unha actuación que a líder nacionalista enmarcou no debate aberto sobre cal debe ser o modelo enerxético, unha vez que, segundo dixo, fica demostrado “o fracaso rotundo dun modelo no que o lobby eléctrico manda”, polo que enfatizou a necesidade de ir cara un novo modelo que mude “as regras do xogo”. “Estamos a ver unha crise de prezos na que as eléctricas están a ter uns beneficios escandalosos e cada vez gañan máis porque hai unha regulación do mercado eléctrico que lles permite facer o que é unha estafa legalizada ao conxunto da poboación”, polo que avogou por levar o debate “máis alá” e “apostar por que o sector enerxético estea en mans do sector público”.
“Cremos que é unha cuestión fundamental”, incidiu, para subliñar a continuación a proposta nacionalista de creación dunha empresa pública de enerxía “que nos permita ese retorno ao País” e dunha tarifa eléctrica galega “que nos compense por ser unha zona na que se produce enerxía". Sería un instrumento para que "se nos compensen os custes sociais e os custes ambientais da produción enerxética”.
De resto, fixo un chamamento ás Administracións “para que non ollen para outro lado” porque, resaltou, “hai unha responsabilidade e unha capacidade para presionar quer a propia Teleperformance quer a Naturgy”. “O mínimo é un pronunciamento por parte da Xunta e que se poña do lado dos traballadores e das traballadoras e non do lado do lobby eléctrico”, concluíu.