O Pleno de marzo aproba as tres mocións do BNG, entre elas a iniciativa de apoio ás mobilizacións do 8M

escanos
O Pleno do Concello da Coruña aprobou por unanimidade a moción defendida pola concelleira do BNG Avia Veira en apoio ás mobilizacións convocadas polo feminismo galego para o 8M.
O Pleno de marzo aproba as tres mocións do BNG, entre elas a iniciativa de apoio ás mobilizacións do 8M

A iniciativa, que se someteu a debate conxuntamente con mocións similares da Marea Atlántica e da concelleira non adscrita Isabel Faraldo, contou co respaldo do grupo municipal do PSOE, aínda que días atrás a alcaldesa desaconsellase a participación nas manifestacións. O BNG incorporou ao seu texto unha emenda formulada polo grupo municipal do PP.

“É o momento de as mulleres facermos ouvir a nosa voz. Durante a pandemia, as mulleres fomos e somos fundamentais para soster a vida e os coidados”, dixo na súa intervención Avia Veira. “E como o fixemos? Fixémolo sobre a base da nosa precariedade”.

Precariedade porque “as mulleres somos maioría en sectores precarizados e especialmente vulnerábeis á pandemia, desde as coidadoras até o profesorado, desde as caixeiras até as enfermeiras”, engadiu a concelleira nacionalista, quen lamentou que durante estes meses nin o goberno do Estado nin o da Xunta impulsaron ningunha política “para paliar esa precariedade, para mellorar as condicións de vida das mulleres”.

Salientou Veira que o feminismo galego trazou un 8M caracterizado polas estritas e escrupulosas garantías de seguranza. “A manifestación terá na Coruña un percorrido con tres columnas, para gardar as distancias e acabará en María Pita, sempre procurando evitar as aglomeracións”, explicitou.

Avia

Non puido menos a edil nacionalista que xulgar como “rexeitábel” a suspensión da manifestación de Madrid decretada pola Delegación do Goberno da Coruña e, en directa alusión a Podemos, viu tamén como dificilmente entendíbel que a ministra de Igualdade anunciase que non ía participar en ningún dos actos do 8M.

Por último, Veira demandou que quer o goberno do Estado quer o galego saian da inacción e tomen cartas no asunto para “efectivamente combater a precariedade, a desigualdade e a explotación que sofremos as mulleres”.

CONTRA A DESLOCALIZACIÓN

A segunda das mocións levadas polo BNG a este Pleno, contra a deslocalización do Centro de Operacións da Rede Norte de Naturgy A Coruña, tamén contou co respaldo unánime da Corporación. Neste caso, o Bloque incorporou unha emenda de adición formulada desde as bancadas da Marea Atlántica.

“Dicía Castelao que estamos fartos de ser unha colonia. Non é presentábel que unha empresa que obtén cuantiosos beneficios explotando os nosos recursos naturais manteña só na Galiza a compoñente de explotación do territorio”, dixo o portavoz nacionalista e autor desta iniciativa, Francisco Jorquera, quen, no pórtico da súa intervención, saudou a presenza de traballadoras e traballadores da empresa na tribuna do público.

Remarcou Jorquera que “é moito o que se pode facer desde as administracións para forzar Naturgy a reconsiderar a súa decisión”. “Simplemente apunto un dato: estamos a falar dunha empresa beneficiaria de contratacións públicas”, engadiu o voceiro.

IMG-20210304-WA0000

Para o portavoz nacionalista, un criterio preferente en calquera contrato relativo a subministracións eléctricas da administración galega “debe ser a prestación na Galiza dos servizos técnicos e de soporte asociados”.

Do mesmo xeito, demandou que á hora de licitar contratos co Concello “se valore como requisito preferente entre as empresas candidatas a xeración de emprego e riqueza na Coruña”.

SOBRE A AP9

Tamén obtivo a conformidade do Pleno a derradeira das mocións do BNG, a defendida por Francisco Jorquera en relación á necesidade de establecer xa bonificacións nas portaxes da AP9. Foi votada afirmativamente polos grupos municipais do PSOE, Marea Atlántica e PP. A concelleira non adscrita optou por se abster.

“Todos temos claro o impacto que representan para calquera cidadán as peaxes abusivas da AP9”, dixo Jorquera na súa intervención e a seguir convidou as súas compañeiras e compañeiros de Corporación a que pensasen no impacto negativo que as portaxes teñen “na economía da Coruña”.

Jorque

A historia da AP9, referiu o portavoz nacionalista, “é a crónica dunha discriminación que nos ten costado miles de millóns de euros en portaxes”. “Non só é unha das autoestradas máis caras do Estado, tamén é a que ten unha concesión máis longa, pois caduca en 2048”, estendeuse Jorquera.

E caduca en 2048 froito de sucesivas ampliacións da concesión decretadas polos gobernos de Felipe González (PSOE) e José María Aznar (PP). “Nada máis e nada menos que 75 anos de concesión!”, exclamou.

E é que, alén do máis, está pendente “que se efectivice canto antes a rebaixa das peaxes da AP9 comprometida polo PSOE no acordo de investidura” negociado en Madrid polo noso portavoz no Congreso, Néstor Rego.

Aliás, non hai escusas para non materializar esas rebaixas, sendo que, como produto dunha iniciativa do BNG, “o Goberno central dispón de 54,9 millóns de euros nos orzamentos de 2021”, concluíu Jorquera.

 

O Pleno de marzo aproba as tres mocións do BNG, entre elas a iniciativa de apoio ás mobilizacións do 8M