EN RESPOSTA AO NOSO GRUPO MUNICIPAL, O GOBERNO LOCAL ADMITE A RESISTENCIA DO ESTADO A CEDER O CÁRCERE

O Pleno de febreiro aproba por unanimidade as tres mocións do BNG

Grupo municipal do BNG no Pleno Febreiro.
O Pleno de febreiro aprobou por unanimidade as tres mocións do BNG sometidas a debate, as relativas á mellora de BiciCoruña, á recuperación do Programa de Lecer e ás demandas e necesidades do núcleo das Rañas.
O Pleno de febreiro aproba por unanimidade as tres mocións do BNG

O Pleno de febreiro aprobou por unanimidade as tres mocións do BNG sometidas a debate, as relativas á mellora de BiciCoruña, á recuperación do Programa de Lecer e ás demandas e necesidades do núcleo das Rañas.

Canto a BiciCoruña, o texto defendido por Avia Veira contiña as achegas que as coruñesas e os coruñeses lle fixeron chegar ao BNG a través fundamentalmente das redes sociais, un “pequeno proceso participativo” que evidenciou como este servizo público, plenamente consolidado na cidade, precisa de melloras, desde o aumento dos horarios até o incremento de recursos materiais e dunha maior dotación de persoal.

A respecto do Programa de Lecer, a concelleira autora da moción, Mercedes Queixas, atribuíu ao “desleixo” e á “inoperancia” do Goberno Local a situación actual, con salarios que se deben ao persoal e as actividades que debían comezar este mes de febreiro, paralizadas. Finalmente, e sobre o núcleo das Rañas, confeccionada a partir das demandas da veciñanza, o noso concelleiro David Soto denunciou que historicamente sofre o abandono por parte das distintas administracións públicas.

Preguntas orais

Na quenda de preguntas orais, e interpelado por Francisco Jorquera, o portavoz do Goberno Local, José Manuel Lage, admitiu a “resistencia” do Estado a lle ceder o antigo cárcere ao Concello.

A cesión tense que facer en boas condicións, sendo que o seu titular, o Estado, está a incumprir coas súas obrigas de conservación e mantemento, algo especialmente grave dada a súa condición de ben catalogado e a súa situación na contorna dun monumento Patrimonio da Humanidade.

Inquirido a respecto de se o Concello vai abrir un expediente sancionador ao Estado por incumprir esas obrigas, Lage foi moi ambiguo. Por unha banda, dixo que o Goberno Local non tería prexuízos en ser contundente, mais por outra deslizou que a vía das sancións talvez non sexa a máis adecuada nun contexto de negociación.

Mercedes Queixas inquiriu o Goberno Local sobre o feito de A Coruña se distinguir polo seu aberto incumprimento da Lei de Memoria Democrática e pola resistencia do Goberno Local á hora de asumir o informe do Instituto José Cornide, encargado polo propio Concello, no que atinxe á retirada de honras e distincións a persoas que exerceron a represión durante a ditadura  ou colaboraron e se beneficiaron dela.

Os incumprimentos son obxectivos -o Consello de Memoria Democrática tería que se reunir unha vez cada seis meses e no que levamos de mandato só o fixo unha vez-, mais o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, foi incapaz de explicar por que.

O que si fixo foi rebaixar a importancia do traballo do Instituto José Cornide –“non é un informe, é un estudo” e, en todo caso, anunciou a súa actualización, que é tanto como gañar tempo para continuar, mentres tanto, a incumprir os mandatos da Lei de Memoria Democrática.

Sobre a disposición da alcaldesa a defender os intereses da veciñanza de Monte Mero diante da Xunta -aspiran a manter as súas casas, cousa que o Goberno galego lles prometeu en primeira instancia-, o concelleiro de Urbanismo afirmou que “non teríamos por que desconfiar da Xunta”.

E canto ao incumprimento reiterado do compromiso por parte de Inés Rey de ter un encontro coas persoas moradoras dese núcleo, afirmou que “a alcaldesa non pode estar no 100% das reunións”.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

O Pleno de febreiro aproba por unanimidade as tres mocións do BNG