CONFERENCIA DE PRENSA DO NOSO PORTAVOZ PARA AVALIAR O ACONTECIDO NO #PLENOFEBREIRO
Jorquera chama PP e PSOE a que "recapaciten" e deixen de lle trasladar ao Concello a "lameira da política madrileña"
O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, convocou este venres os medios para avaliar o desenvolvemento do Pleno ordinario deste mes de febreiro, marcado polo lamentábel e bochornoso espectáculo dado por PP e PSOE.
Jorquera comezou por dicir que o que se viu onte “non foi un feito illado, non foi algo puntual” e si “un episodio máis dunha escalada, na que o PP e o PSOE parecen empeñados en trasladar ao Concello a lameira na que se converteu a política madrileña”.
Lameira que consiste en substituír o debate político, o contraste de datos e argumentos racionais, pola bronca permanente e as descualificacións persoais.
Para ilustrar o que aconteceu no salón de plenos, o portavoz nacionalista botou man dun dos clásicos da pintura universal: “Lembroume moito o óleo das pinturas negras de Goya Duelo a garrotazos. Pois parece que aos dous principais partidos estatais non lles chega o espectáculo que montan todos os días en Madrid e queren converter o salón de plenos do Concello noutro ring para protagonizar un novo asalto do duelo a garrotazos de Goya”.
É por iso que Jorquera lles fai unha apelación a PP e PSOE para que “recapaciten e rectifiquen”. Rectifiquen porque “este tipo de actitudes só serven para desprestixiar a política e degradar as institucións democráticas”.
“E os que xa temos certa idade, e sabemos algo de historia, tamén sabemos a que conduce o desprestixio da política”, alertou. “A non ser que algúns pretendan pórlle a alfombra vermella á chegada de novas formas de fascismo”, completou.
Desde logo o BNG, remarcou, si que “non se vai deixar arrastrar a esa lameira”. “Continuaremos a ser fieis ao noso estilo de facer as cousas, facendo unha política en positivo, con críticas razoadas, achegando sempre propostas e argumentos e trasladando ao Concello aquelas cuestións que realmente preocupan e interesan ás coruñesas e aos coruñeses”, concluíu.