CON TODO, JORQUERA CONTINÚA A RECLAMARLLE AO GOBERNO LOCAL "MÁIS HUMILDADE E CUMPRIR O ACORDADO"

O Pleno dá luz verde a asuntos negociados polo BNG, entre eles dous puntos do acordo de investidura

GM junho 2025
O grupo municipal, instantes antes de comezar o Pleno
O portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, puxo esta tarde en valor que “grazas á negociación, no Pleno de hoxe aprobáronse sete asuntos”, dous dos cales -ordenanza das vivendas turísticas e de mobilidade sostíbel- a daren cumprimento a puntos do acordo de investidura.
O Pleno dá luz verde a asuntos negociados polo BNG, entre eles dous puntos do acordo de investidura

Porén, e durante a quenda de preguntas orais ao Executivo coruñés, Jorquera continuou a reclamarlle ao Goberno Local “máis humildade, máis disposición ao diálogo e cumprir o acordado”.

O portavoz nacionalista fixo un sucinto repaso á xestión do Goberno de Inés Rey xusto ao chegarmos o ecuador do mandato. “A alcaldesa dixo nunha entrevista que non fomos quen de dicir o que non nos gusta. Pois é evidente que o que non nos gusta é un xeito de gobernar moitas veces caracterizado pola falta de humildade, a falta de diálogo e a incapacidade para cumprir os compromisos”, referiu Jorquera.

Con todo, nas últimas semanas, recoñeceu, o Goberno Local “deu pasos” noutra dirección e grazas a iso, a abrir un diálogo co BNG, “na parte resolutiva do Pleno de hoxe aprobáronse sete asuntos, todos eles obxecto de negociación”.

Nese sentido, Jorquera lembrou que nas eleccións de 2023 a veciñanza atribuíu ao BNG un rol moi relevante, “o de ser chave, o de sermos decisivos na Corporación”.

Captura de pantalla 2025-06-05 112732
Jorquera, durante o Pleno

“E exerceremos esa responsabilidade pensando sempre no ben da cidade”, resaltou, “con disposición a asegurar a gobernabilidade, como fixemos hoxe cos asuntos da parte resolutiva deste Pleno”.

A cambio, o BNG, iso si, pide tres cousa: “Máis humildade, máis disposición ao diálogo e cumprir o acordado”.

Sobre o estadio de Riazor

O concelleiro do BNG David Soto interpelou o Goberno Local sobre os seus plans para reformar o estadio de Riazor con vistas a acoller unha das sedes do mundial de fútbol masculino de 2030.

Soto preguntou ironicamente se o Goberno Local considera municipal o estadio de Riazor. Como é obvio, é de propiedade do Concello, pero a intención do concelleiro era pór en evidencia que o Goberno Local -e en concreto o concelleiro Gonzalo Castro- se comporta como se fose un couto privado do Executivo coruñés.

“Como ben público, ten necesariamente que servir o interese xeral. E sobre o seu futuro o Goberno Local ten que dialogar con todos os axentes implicados. Co Deportivo, que non é dono, pero si o cesionario desa instalación. Coas entidades deportivas da Coruña, coa cidadanía en xeral -é necesario un debate se se pretende converter o estadio nun recinto para eventos extradeportivos ou nun grande centro comercial. E evidentemente é necesario dialogar cos grupos políticos representados na Corporación”, argumentou.

Após se opor ao uso do estadio de Riazor pola propiedade do Deportivo para grandes eventos, o Goberno Local ábrese agora a que o explote un operador privado, “que non será nin unha ONG nin unha cooperativa”, ironizou David Soto

A falta de transparencia -a estas alturas non sabemos nin as vías de financiamento da reforma nin a identidade do operador privado que irá explotar o estadio nin a forma en que vai ser seleccionado- fai que “teñamos serias dúbidas sobre se o uso de Riazor vai ser en beneficio dos intereses da cidade”.

Soto lembrou que no seu momento o Concello se opuxera ao “uso privado” do estadio por parte do Deportivo, mentres que agora se abre á hipótese de que pase a ser explotado por un operador privado, “que supomos non vai ser nin unha ONG nin unha pequena cooperativa”-.

A Ordenanza do Galego

Por súa parte, a concelleira Mercedes Queixas denunciou que, catro anos despois de se ter aprobado, a Ordenanza do Galego -impulsada polo BNG- dista moito de ter despregado todos os seus efectos.

Hai, en concreto, dúas ferramentas pendentes de se aplicaren, o Plano de Normalización Lingüística e o Consello Municipal da Lingua.

Interpelado ao respecto, limitouse a afirmar que a ordenanza se aprobou baixo o mandato de Inés Rey e que nunca se utilizara tanto a lingua galega por parte do aparato administrativo do Concello

O Pleno aproba as tres mocións do BNG

O Pleno aprobou as tres mocións formuladas polo BNG, dúas delas -a do Parque do Observatorio e a relativa ao antigo cárcere provincial- por unanimidade, mentres que a referida ao COF de Orillamar -a pedir un novo convenio do Concello co SERGAS- obtivo os votos a favor do grupo socialista e colleitou a abstención do PP.

 

O Pleno dá luz verde a asuntos negociados polo BNG, entre eles dous puntos do acordo de investidura