JORQUERA, AO PP: "NÓS NON PRACTICAMOS O FILIBUSTERISMO"
O BNG vota a favor do Plan Financeiro após arrancar o compromiso do Goberno Local de facer unha dación de contas mensual
O compromiso formalizouno o portavoz do Executivo local, José Manuel Lage, após ser interpelado ao respecto polo voceiro nacionalista, Francisco Jorquera.
A dación de contas non será apenas verbal, senón que o compromiso ao que chegou o Goberno Local co BNG é que tamén se achegarán informes por escrito.
O portavoz do Goberno Local comprometeuse a que xa neste mes de xuño irá á Comisión de Economía e Facenda a dar conta das transferencias de crédito que atinxen os investimentos e as subvencións nominativas.
O BNG puxo esta condición -expresada no Pleno polo seu portavoz, Francisco Jorquera- despois de o Goberno ter decidido -aproveitando que os orzamentos de 2025 se aprobaron mediante unha cuestión de confianza- modificar as bases de execución orzamentaria, de modo a restar competencias de control e fiscalización ao Pleno.
Como explicou Jorquera na sesión plenaria, antes de se modificaren as bases de execución, as transferencias de créditos entre diferentes capítulos orzamentarios eran competencia do Pleno. Agora poden ser decididas unilateralmente pola Xunta de Goberno Local.
É por iso que o BNG xulgaba moi importante conseguir do Goberno Local o compromiso de dar conta mes a mes do grao de execución orzamentaria.
Así, o Goberno Local deberá detallar o destino de cada partida orzamental -as contas están feitas de maneira que é moi difícil identificalas ao iren en plans xenéricos- e deberá igualmente informar sobre as transferencias de crédito entre os distintos capítulos orzamentarios ou que atinxan os anexos de investimento e de subvencións nominativas.
Alén diso, remarcou Jorquera, o BNG permitirá tamén a aprobación deste plano por ser requisito imprescindíbel para o Concello dispor dunha operación de crédito contemplada nos orzamentos para financiar investimentos.
“O límite que sempre nos pomos á hora de facer oposición é pór os intereses da cidade, das coruñesas e dos coruñeses, por riba de calquera outra consideración. O BNG nunca practica o filibusterismo”, concluíu Jorquera.