"É IMPERATIVO SEGUIRMOS A VISIBILIZAR AS DISCRIMINACIÓNS QUE CONTINÚAN A ASOLAR A VIDA DAS PERSOAS LGTB

A proposta do BNG, Declaración Institucional polo Día do Orgullo

20200628_202307
O Pleno do Concello, a proposta do grupo municipal do BNG, aprobou este xoves unha Declaración Institucional polo Día Internacional do Orgullo porque, reza o texto, "é imperativo seguirmos a visibilizar os obstáculos e as discriminacións que continúan a asolar a vida das persoas LGTB e pórmos ao seu dispor todas as ferramentas precisas para as axudar a superaren, na medida do posíbel, as consecuencias da LGTBfobia".
A proposta do BNG, Declaración Institucional polo Día do Orgullo

No texto arguméntase que, a pesar dos avanzos rexistrados nas últimas décadas, as persoas LGTB "seguen a padecer discriminación pola súa orientación sexual e (ou) pola súa identidade de xénero, tamén na Galiza". A súa situación agravouse, sublíñase na Declaración, durante o período de confinamento derivado da pandemia ao vérense obrigadas moitas persoas LGTB a "voltaren para a casa onde podían padecer a LGTBfobia familiar, afastadas da súa rede de apoio habitual, forzadas a se pecharen de novo no armario por medo ao rexeitamento e mesmo á violencia, tanto física como verbal".

A pandemia impediu tamén que este ano se realizasen con normalidade as marchas e manifestacións do Orgullo LGTB, polo que neste momento é máis importante se cabe que as institucións públicas reivindiquen "a necesidade da visibilidade das persoas LGTB como parte integral da nosa sociedade e para demandarmos unha maior atención sobre a necesidade de traballar contra a discriminación".

A acción do Concello non se debe limitar a unha simple manifestación retórica, senón que se debe concretar na planificación "de accións e actividades en colaboración co propio colectivo LGTB, non só con motivo do Día do Orgullo, senón ao longo de todo o ano".

"A Corporación Municipal da Coruña recoñece explícita e publicamente que os dereitos das persoas LGTB son dereitos humanos e que a diversidade sexual debe contemplarse como un dereito básico en calquera ámbito da vida", conclúe a Declaración.

A proposta do BNG, Declaración Institucional polo Día do Orgullo