O Pleno aproba as mocións sobre Novo Mesoiro e a Sareb e rexeita a do porto pola negativa de PSOE e PP a apoiar a marcha do 30M
O PSOE presentou unha emenda de substitución á moción do BNG sobre o porto ao non asumir a petición de o Goberno Local dar ao seu apoio á manifestación cívica do 30M en defensa do mantemento do carácter público dos terreos portuarios. A moción redactouna o BNG conxuntamente coa Marea Atlántica e a concelleira non adscrita Isabel Faraldo.
Na súa emenda de substitución, o grupo municipal socialista omitía tamén a realización dunha consulta popular sobre o deseño da nova fachada marítima.
O BNG, por tanto, non puido aceptar esta emenda pois desnaturalizaba o texto orixinario da moción, ao eliminar tanto o respaldo á mobilización do 30M como a convocatoria dunha consulta á veciñanza.
Ao ficar aprobada a emenda, cos votos tamén do PP, decaía a moción, que foi defendida no Pleno por Avia Veira. Na súa intervención, a concelleira nacionalista comezou por defender que xa en maio de 2017 unha multitude saíu á rúa na Coruña para defender a restitución gratuíta ao Concello de todos os peiraos unha vez que se vexan liberados de usos portuarios polo traslado de actividades á dársena exterior de Punta Langosteira.
Catro anos despois cómpre volverse manifestar pola mesma razón, de aí que a moción do BNG instase o Goberno Local a prestar apoio á grande mobilización convocada para o 30M por parte de 40 entidades sociais, políticas, veciñais e sindicais, entre elas o BNG.
“A cidadanía da Coruña ten que ser partícipe” no deseño da nova fachada marítima, subliñou Avia Veira, quen a ese respecto pediu “debate público” e non un novo convenio que, como o de 2004, se asine “a porta fechada”.
Criticou tamén a concelleira nacionalista que tivésemos que agardar até o luns pasado para sabermos se o Goberno Local partillaba ou non a proposta da Xunta de se facer co control, cun 51% de participación, dos terreos de Batería e Calvo Sotelo.
Mais aínda fican incertezas, entre elas a des se a efectos prácticos o Concello vai asumir a non condonación da débeda ou se vai renunciar a liderar o ente que pilote a integración na malla urbana da Coruña dos terreos portuarios.
MOCIÓN SOBRE NOVO MESOIRO
Defendeuna Francisco Jorquera, quen comezou por dicir que o barrio de Novo Mesoiro -3.000 vivendas, por volta de 7.500 habitantes- ten un forte sentimento de identidade de seu, mais tamén conciencia de abandono por parte do Goberno Local. O BNG aceptou dúas emendas do PP e transaccionou o texto do terceiro punto da moción coa Marea Atlántica.
Con esta iniciativa, produto do diálogo do BNG coa Asociación Veciñal de Novo Mesoiro, o grupo municipal nacionalista formulou, entre outras, propostas como a ampliación do centro cívico, a dotación de instalacións na próxima obra do Corredor, o incremento das prazas na escola infantil “A Caracola”, a adopción de medidas que resulten no fin das carreiras ilegais no Polígono de Vío e a conexión do barrio a través do transporte público urbano con Someso, campus de Elviña, CHUAC e Hospital Materno Infantil.
A moción foi aprobada por unanimidade.
MOCIÓN SOBRE A CESIÓN DE INMÓBEIS DA SAREB AO CONCELLO
Foi Avia Veira quen asumiu a súa defensa e quen, no comezo da súa intervención, avanzou que o BNG transacionaba o texto a debate co grupo municipal do PP.
A concelleira nacionalista colocou a moción nun contexto marcado por dous feitos. Primeiro, foi o erario público –isto é, as e os contribuíntes- quen rescatou a banca, con 65 mil millóns de euros, dos cales só recuperou 5 mil. A maiores, o Eurostat obriga agora a traspasar ao Estado 35 mil millóns de euros dos pasivos do Sareb que agora conta como débeda pública. Segundo aspecto a ter en conta: na Coruña hai un forte déficit de vivenda pública e unha grande demanda social, nomeadamente de moradas en réxime de aluguer.
Por tanto, o lóxico é que as vivendas da Sareb –quer as 52 de Epamar en Palavea, estas abocadas a unha poxa, quer outros 26 inmóbeis espallados por toda a cidade- pasen a engrosar o parque municipal de moradas, como por outra banda ten acontecido tanto na Galiza (cesión de 50 predios á Xunta, 12 ao Concello de Miño) como no Estado.
Hai que ter en conta a este respecto que a Sareb ten unha forte presenza pública, pois está participada nun 45 por cento polo FROB, polo que ten toda a lóxica que os seus activos inmobiliarios se destinen a fins sociais e non a facer negocio, defendeu Avia Veira.
A moción foi aprobada por unanimidade.