DERRADEIRA SESIÓN VERMÚ CON LERIA EN PLAN ESTELAR

"Pídovos que ao irdes votar pensedes en que perfil de alcalde queredes porque solvencia e capacidade non é o mesmo que arrogancia"

Jorquera na derradeira sesión vermú do BNG
A Praza 8 de Marzo (A Cubela) acolleu este domingo a sexta e derradeira sesión vermú co BNG, xusto cando a campaña enfila a súa última semana. Un último espectáculo que deixou imaxes para o recordo, fotos da banda coa candidatura, bailes e cantos conxuntos, moitas ganas de festa e moitas ganas de mudar a cidade para mellor con cánticos de "alcalde, alcalde!" ao rematar a breve intervención de Jorquera.
"Pídovos que ao irdes votar pensedes en que perfil de alcalde queredes porque solvencia e capacidade non é o mesmo que arrogancia"

A Praza 8 de Marzo (A Cubela) acolleu este domingo a sexta e derradeira sesión vermú co BNG, xusto cando a campaña enfila a súa última semana.

Amenizada como as anteriores polo grupo indie pop Leria, a sesión vermú reuniu un nutrido grupo de persoas ás que se dirixiu o candidato do BNG á Alcaldía, Francisco Jorquera, nun acto que tivo como pórtico unha breve intervención do mozo Ignacio Siota, número 5 da lista do Bloque.

“Fágovos unha apelación, a de que vaiades votar o 28 de maio. Sei que hai moitos cidadáns que senten fastío pola política. Eu tamén o sinto, ante o espectáculo que dan algúns. Mais o voto é a ferramenta que temos os cidadáns para influír no que é de todos, na cousa pública”, dixo Jorquera.

20230521_144254
Un momento da breve intervención de Jorquera

O candidato do BNG acompaña a petición a votar dunha outra demanda, a “de que despois de exercerdes o voso dereito á participación política, sexades moi esixentes co goberno resultante este 28 de maio, que lle pidades permanentemente rendición de contas”.

No momento de votar, Jorquera convida a que “tamén pensedes en que perfil de alcalde queredes para A Coruña”. Porque “o BNG”, remarcou, “non confunde a solvencia e a capacidade coa chulería ou a arrogancia. Tende iso tamén presente”.

Apelación a votar e apelación “con toda convicción” a votar o BNG. “Algúns queren presentar a campaña como se só houbese dúas opcións. A do retorno ao pasado do PP ou a de catro anos máis do mesmo dun goberno do  PSOE máis preocupado polas fotos, os titulares e por resolver os seus múltiples problemas internas que de resolver os problemas da cidade. Mais  hai unha terceira opción, a do cambio de rumbo que representa o BNG”, subliñou.

20230521_150354
Foto da candidatura con Leria

“Esa opción é a do BNG. Estamos en claro ascenso. Mais non nos conformamos. Queremos o apoio suficiente para liderar esta cidade e facer  posíbel un cambio de rumbo que poña os barrios no centro das políticas municipais”, engadiu.

Nestes últimos 12 anos A Coruña experimentou con gobernos de distinto signo, “un goberno en solitario do PP, outro da Marea Atlántica e este último do PSOE”. Porén, ningún deses executivos “foi quen de lle devolver á Coruña o impulso que necesita”, de aí que “é hora de lle dar unha oportunidade ao BNG”, concluíu.

 

 

 

"Pídovos que ao irdes votar pensedes en que perfil de alcalde queredes porque solvencia e capacidade non é o mesmo que arrogancia"