Perto do 40% das solicitudes de bolsa comedor foron denegadas
A Coruña, 1 de setembro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG sinala que perto de 40% de solicitudes de bolsa comedor foron denegadas. En concreto foron 481 as rexeitadas das 1449 solicitudes feitas.
O BNG ten denunciado as excesivas trabas burocráticas existentes para solicitar as bolsas de comedores escolares que, entre outras, sinalan, non se lles comunica por escrito ás familias a denegación ou que teñen que presentar documentación complementaria, tendo que informarse, estas, a través da páxina web do concello, dos rexistros municipais e dos centros cívicos, e tendo só como prazo para presentar esta documentación complementaria desde o 1 ao 11 de xullo.
Ademais, sinalan as nacionalistas, algunha documentación é difícil de conseguir, especialmente as persoas inmigrantes, xa que deben pedir ao seu país determinados documentos con moitas dificultades para cumprir os prazos cando é posíbel obtelos.
Alén disto, as nacionalistas volven insistir e denunciar que as alumnas e alumnos beneficiados das bolsas comedor para Bacharelato e Ciclos de Grao Medio de Formación Profedional van ser aquelas persoas que estudan en centros privados e non en institutos públicos, xa que estes non dispoñen de servizo de comedor.
Material escolar
A decisión da Consellaría de Educación para o curso 2014/2015 de eliminar da axuda para a compra de libros o material escolar está a ocasionar que familias se vexan imposibilitadas para pagar o material escolar e poder dispor deste. Así as nacionalistas levarán unha iniciativa ao pleno para que o Goberno Municipal arbitre medidas urxentes e eficaces que garantan unha igualdade real de oportunidades para todo o alumnado.