Paro: O Sr. Negreira ve A Coruña como unha cidade de servizos e marxina os sectores produtivos
A Coruña, 5 de xaneiro de 2015- En relación aos últimos datos do desemprego coñecidos, o Grupo Municipal do BNG critica a pouca altura de miras do Sr. Negreira, que só ve A Coruña como unha cidade de servizos, cando posúe sectores produtivos estratéxicos creadores de emprego e de calidade O Bloque denuncia que o Partido Popular está a condear a clase traballadora á pobreza ao apostar unicamente polo sector servizos, que crea postos de traballo temporais e precarios, no canto de pular polos sectores produtivos. Os datos do paro relativos a decembro demostran que o desemprego só baixou respecto do mes anterior no sector servizos, caracterizado por crear emprego temporal e estacional vinculado ao Nadal- e precario, e demostran tamén que o paro sobe en 173 persoas nos sectores produtivos e na construción.
En relación ás declaracións do Sr. Negreira, que esta mañá sinalou que lles pediu aos reis que o paro siga baixando, as nacionalistas lémbranlle ao alcalde que en setembro, outubro e novembro o desemprego subiu en 741 persoas. Lonxe de tomar a iniciativa, o Goberno do Sr. Negreira segue nunha posición inmobilista coas partidas máis importantes dos orzamentos de 2015 da Concellaría de Emprego e Empresa conxeladas, critican.