Alén de prorrogar o permiso de vertedura a Albada, o PP debe explicar que quere facer con Nostián
A Coruña, 5 de xaneiro de 2015- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que alén de cometer a ilegalidade de prorrogarlle a Albada o permiso de vertedura, incumprindo a propia ordenanza municipal de verteduras aprobada en xullo de 2013, o Goberno do Sr. Negreira debería explicar que é o que quere facer coa planta de residuos de Nostián, máxime cando, á vista dos orzamentos municipais, adiou por segundo ano consecutivo o selado dos vasos de refugallos 2 e 3, completamente ateigados. Neste contexto, as nacionalistas, que exixen saber canto antes os plans para Nostián, advirten de que, para máis, o Goberno do Sr. Negreira ten nas súas mans desde hai dous anos os resultados das auditorías medio ambiental e económica da planta.
Así, o Grupo Municipal do BNG critica que o Goberno do Sr. Negreira incumpra a súa propia ordenanza de verteduras ao permitirlle a Albada botar augas residuais á rede de saneamento municipal cando a propia normativa non contempla que a concesionaria poida obter a prórroga para solicitar ese permiso. O máis grave, salientan as nacionalistas, é que a Concellaría de Medio Ambiente resolvera no pasado mes de outubro prorrogar o citado permiso de vertedura mentres non se execute o selado do depósito de rexeitamentos da planta de Nostián polo Concello da Coruña. Isto significa que a Albada podería seguir vertendo á rede pública até que non se selen os vasos 2 e 3, o que levaría anos.
O selado: de 1.940.000 euros previstos para 2015 a 50.000 euros consignados
Os propios orzamentos municipais demostran como o Goberno do Sr. Negreira adía o selado dos vasos de refugallos 2 e 3. Así, nos orzamentos municipais de 2014 consignábanse 60.000 euros para ese mesmo ano e achegábase unha previsión orzamentaria de 1.940.000 euros para 2015 e de 2.000.000 euros para 2016. Lonxe de cumprir as previsións, o Goberno do Sr. Negreira consignou nos orzamentos de 2015 tan só 50.000 euros e incluíu unha previsión orzamentaria de 3.476.117,17 euros para 2016.