O Parlamento debate este mércores unha iniciativa de Mercedes Queixas sobre Alu Ibérica

Alu Ibérica
Jorquera e Queixas, nunha marcha dxs traballadorxs de Alu Ibérica
A Comisión de Industria vai debater este mércores (a partir das 10.30 horas) unha proposición non de lei da autoría da deputada nacionalista Mercedes Queixas en relación á procura de alternativas que aseguren a pervivencia da planta de Alu Ibérica na Coruña. Podedes acompañar a sesión através da web da cámara galega.
O Parlamento debate este mércores unha iniciativa de Mercedes Queixas sobre Alu Ibérica

Con esta iniciativa, o BNG demanda dúas cousas. A primeira, que a Xunta se dirixa ao Goberno central para este estudar todos os escenarios que garantan a continuidade da factoría, incluído o da “súa intervención temporal ou a súa incorporación ao sector público, por pertencer a un sector industrial estratéxico.

A segunda, que a Xunta, en exercicio das competencias que detenta en materia de traballo, investigue a praxe da compañía en materia laboral, “e en particular as circunstancias nas que se produciu o despedimento recente dunha traballadora, velando por que a empresa asegure o pleno respecto dos dereitos laborais e sindicais”.

Hai que ter en conta que o BNG rexistrou esta iniciativa antes de se producir o despedimento de 4 membros do comité de empresa da planta, entre eles o seu presidente, Juan Carlos López Corbacho, asunto “moi grave” que a formación nacionalista abordará no debate parlamentar e que vén confirmar a oportunidade desta iniciativa.

“A Coruña segue inmersa nun proceso de industrialización programada ante o que o goberno galego parece asistir na distancia como simple espectador”

No texto da proposición non de lei, a deputada salienta que a actual propietaria da empresa, o Grupo Riesgo, carece dun plan industrial que garanta o mantemento da actividade produtiva e os postos de traballo e que, alén diso, os dereitos laborais das e dos traballadores non están a ser respectados (con despedimentos improcedentes e impagamentos de salarios), o que levou o cadro de persoal a ir á folga.

A Coruña, resalta Queixas, non se pode permitir o fechamento dunha nova empresa nun sector estratéxico e a Xunta ten que asumir as súas responsabilidades, quer na interlocución co Goberno do Estado quer no establecemento de garantías que protexan os dereitos laborais das e dos traballadores.

“A cidade segue inmersa nun proceso de industrialización programada ante o que o goberno galego parece asistir na distancia como simple espectador”, denuncia a deputada do BNG.

 

 

O Parlamento debate este mércores unha iniciativa de Mercedes Queixas sobre Alu Ibérica