O BNG critica a "falta de dilixencia" do Goberno Local á hora de impulsar o PRESCO 2021 e de aprobar os convenios

Jorquera no porto.
Hai xa máis de dous meses, o 10 de decembro de 2020, o grupo municipal do PSdeG-PSOE comprometeuse nun acordo escrito co BNG e coa Marea Atlántica a iniciar de inmediato, en diálogo cos sectores afectados e os grupos municipais, os traballos para a elaboración e a aprobación dun novo PRESCO.
O BNG critica a "falta de dilixencia" do Goberno Local á hora de impulsar o PRESCO 2021 e de aprobar os convenios

Dous meses despois, ese diálogo non se ten materializado, nin sobre este asunto nin sobre a aprobación dos convenios 2021 coas entidades sociais, culturais, deportivas, etc, da cidade.

“Non podemos menos que mostrarmos a nosa preocupación pola falta de dilixencia do Goberno Local na tramitación de asuntos que afectan a vida de miles de coruñesas e coruñeses”, di o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera. “O Executivo coruñés tense que pór as pilas e facelo xa. E ten que ser consciente de que é un goberno en minoría e que precisa do diálogo con todos os grupos municipais, singularmente cos que viabilizaron a investidura de Inés Rey e asinaron o pasado mes de decembro o Acordo sobre as Ordenanzas Fiscais”.

Advertimos no seu momento que era un erro prorrogar os orzamentos. Que a pandemia obrigaba o Concello a mobilizar máis recursos. Que non era posíbel lidar con esta crise con contas aprobadas en 2019, nunha situación moi distinta á actual. Advertimos que os convenios non se podían prorrogar. Díxosenos desde o Goberno Local que se negociarían cos grupos municipais á maior brevidade posíbel. Non está a ser así, estamos a mediados de febreiro e a inacción por parte do Executivo coruñés é total. É unha situación moi preocupante e que enche de incerteza o tecido asociativo da Coruña”, considera Jorquera.

Canto ao novo PRESCO, Jorquera estima que non é de recibo a “falta de impulso” por parte do Goberno Local. “A pandemia provocou unha emerxencia social e económica. Sectores como a hostelaría e o comercio están á beira do precipicio e non poden agardar máis. Hai que aprobar un novo PRESCO, cunha maior dotación orzamentaria, e hai que corrixir aqueles aspectos do PRESCO anterior que se revelaron como ineficaces, nomeadamente no que ten a ver coa recepción das axudas por parte das persoas beneficiarias”.

En definitiva, o grupo municipal do BNG urxe o Goberno Local, e en concreto á alcaldesa, a que nestes momentos coloque este asunto como a prioridade número un da súa xestión. “Non é aceptábel que a mediados de febreiro esteamos coas contas prorrogadas, cos convenios no ar e sen rastro do PRESCO 2021. O Goberno Local ten que atender as necesidades socio-económicas dos sectores máis afectados pola pandemia. Instámolo a que se active de vez e reordene a súa listaxe de prioridades”, concluíu Jorquera.

 

 

O BNG critica a "falta de dilixencia" do Goberno Local á hora de impulsar o PRESCO 2021 e de aprobar os convenios