O BNG, NA COMISIÓN DE MEDIO AMBIENTE

A Ordenanza de Contaminación Acústica debería pasar o trámite de consulta previa cidadá

Meio Ambiente
Meio Ambiente
O salón vermello do Pazo de María Pita acolleu esta mañá unha Comisión de Medio Ambiente previa ao Pleno do vindeiro xoves. Na orde do día, entre outros asuntos, a mudanza da Ordenanza da Contaminación Acústica e información sobre o novo contrato do servizo de mantemento de parques e xardíns e sobre a situación da planta de tratamento de residuos de Nostián.
A Ordenanza de Contaminación Acústica debería pasar o trámite de consulta previa cidadá

O punto sobre a ordenanza da contaminación acústica foi retirado da orde do día porque, segundo explicou a concelleira delegada de Medio Ambiente, non pasara aínda pola Xunta de Goberno Local. "O Goberno Local díxonos que a querían dialogar cos grupos municipais", afirma o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera.

A mudanza non pasou tampouco polo trámite de consulta previa, algo que non sería preceptivo ao se tratar da modificación dunha ordenanza xa existente. Porén, o BNG si considera que se debería someter a ese trámite. "Estamos a falar dun tema serio que afecta moitos barrios da cidade. A xuízo do BNG, o lóxico é que pasese un proceso de consulta previa para cidadás e entidades poderen facer as súas suxestións e achegas".

Canto ao novo contrato de mantemento de parques e xardíns, a concelleira delegada de Medio Ambiente, Esther Fontán, explicou que se está na derradeira revisión técnica para, a partir de ai, pasar a facer a avaliación económica.  O novo contrato, informou, vai ter tres lotes e máis un cuarto de interese social destinado a empresas de economía social e centros especiais de emprego. A previsión é que o prego técnico poda estar rematado en novembro. 

Neste punto, Jorquero pedíulle ao Goberno Local que manteña unha reunión co comité de empresa da actual concesionaria. Así o demandaron os traballadores. Fontán comprometeuse a ter esa interlocución o antes posíbel.

O BNG insistiu tamén en que se debería aproveitar o novo contrato para evitar situacións de agravio comparativo entre os traballadores herdadas da combinación de distintos convenios que se foron aplicando por diferentes concesionarias. "Hai que mellorar as condicións laborais dos traballadores. E non pode ser que se cobre distinto polo mesmo traballo".

As nosas propostas para o novo contrato de parques e xardíns

Para o BNG, o novo contrato debe incluír melloras a respecto da actual concesión, "Hai que mellorar a ratio superficie de zonas verdes por traballador (o que aseguraría un mellor mantemento), tratar os refugallos tamén de podas e desbroces que poderían destinarse a compost, determinar con precisión o material e o número de traballadores necesarios para atender cada un dos lotes e, sobre todo, reforzar os mecanismos de control por parte do Concello", dixo.

A respecto da situación de Nostián, o BNG volveu reiterar a solicitude de que os voceiros da Comisión de Medio Ambiente poidan visitar as instalacións da planta.  A empresa continúa a apelar á normativa COVID para denegar esa inspección. "A negativa non ten sentido. Falamos da visita de apenas 5 persoas. Unha visita a unha planta de titularidade pública para ver de primeira man o estado das súas instalacións. Non ten moito xeito que podan asistir 32 mil espectadores a Riazor a ver o Dépor e que se apele ás normas COVID para impedir unha visita de representantes políticos á planta", dixo.

"Elevamos a nosa protesta e instamos a concelleira de Medio Ambiente a que exerza a súa función e que ordene polo tanto á concesionaria que permita esa visita", acrecenta o voceiro nacionalista.

Sobre Nostián

Canto aos plans do Goberno Local a respecto da nova concesión para Nostián, Fontán informou de que se están a manter reunións coa xerencia do Consorcio das Mariñas para a informar da situación da planta. O obxectivo na revisión de pregos que está a facer a asistencia técnica contratada a tal efecto é o aproveitamento ao máximo posíbel dos rexeites para teren usos alternativos (por exemplo, a produción de hidróxeno verde para acceder a axudas da UE) e a idea é compatibilizar todo iso con liñas que permitan a redución en orixe do lixo para, dese xeito, conseguir unha mingua substancial dos rechazos e incrementar o compost de calidade. Os prazos que se barallan é que a fins de xaneiro de 2022 a enxeñaría remate de facer o estudo da parte técnica dos pregos para, a seguir, facer a adaptación económica e poder continuar co resto das fases do proceso antes de licitar o novo contrato. 

Cuestións abordadas a petición do BNG

O BNG, de maneira moi sucinta, suscitou tamén cuestións que figuraban na orde do día a petición nosa, como que exista un plan de actuación contra as plantas invasoras -a actual concesionaria ten a obriga de realizar un programa de monotorización e erradicación desas especies vexetais. Do noso punto de vista non se está a facer e desde o Concello hai que esixir que se faga.

Tamén demos conta da situación de insalubridade, un problema de saúde e de hixiene, que existe nas chamadas Casas de Franco, no Ventorrillo, pola proliferación de pombas no patio interior dunha mazá de vivendas e pedímoslle ao Goberno Local que actúe ao respecto.

 

 

A Ordenanza de Contaminación Acústica debería pasar o trámite de consulta previa cidadá