A ORA e o guindastre supuxéronlle ao Concello unha perda de 3,16 millóns nos últimos 5 anos

A ORA e o guindastre supuxéronlle ao Concello unha perda de 3,16 millóns nos últimos 5 anos

A Coruña, 13 de decembro de 2013.- A Xunta de Goberno Local desta mañá aprobou a liquidación presentada pola empresa concesionaria dos servizos da ORA e do guindastre, unha liquidación que volve ter como resultado un saldo negativo para o Concello. A última liquidación, a comprendida entre xullo de 2012 e outubro de 2013, revela que a concesión da ORA e do guindastre lle supuxo ao Concello un déficit de 889.147,49 euros.

Lembra o Grupo Municipal do BNG que esta concesión foi outorgada no 2005 coa previsión de obter excedentes. De feito, as cláusulas da concesión contemplaban que o servizo funcionaría con excedente económico, do cal se repartiría un 95% para o Concello e un 5% para a concesionaria en concepto de canon da concesión. Porén, esta concesión provócalles ás arcas municipais continuas perdas. En só cinco anos, a ORA e o guindastre déronlle como resultado un déficit ao Concello de 3.161.196,68 euros. Por iso, o Bloque, ao igual que no caso do servizo de autobús urbano e do miradoiro e do ascensor do parque de San Pedro, insiste en reclamar a revisión desta concesión, que representa unha ruína para o pobo e un negocio para a empresa Grupo Europeo de Servizos Doal, S.A.

As nacionalistas consideran que o deber do Goberno do Sr. Negreira é defender o interese xeral e non o das empresas con concesións administrativas leoninas para o Concello, que dan continuas perdas na facenda municipal e que lle reportan suculentos beneficios aos negocios privados.

 

 Período de Liquidación Liquidación para o Concello (€)

Novembro 2008 – Novembro 2009: - 617.135,52 euros

Decembro 2009-Novembro 2010: - 515.171,03 euros

Decembro 2010-Setembro 2011: - 621.509,01 euros

Outubro 2011-Xuño 2012: -518.233,63 euros

Xullo 2012-Outubro 2013: - 889.147.49 euros

A ORA e o guindastre supuxéronlle ao Concello unha perda de 3,16 millóns nos últimos 5 anos