Para a Xunta, os lemas de "Coruña Wapa" non son sexistas, senón "unha cuestión de gustos"
A Coruña, 10 de decembro de 2013.- Antes muerta que sencilla ou La belleza está en el interior del vestidor son lemas da campaña Coruña Wapa que, segundo lle contestou a secretaria xeral de Igualdade á deputada do BNG Carme Adán, poden gustar ou non, pero non son sexistas. A submisión ás directrices do PP da máxima responsábel de Igualdade na Xunta de Galiza non ficou só demostrada cando apelou á cuestión de gustos dos lemas da campaña. Nunha clara mostra de deixación de funcións, a secretaria xeral de Igualdade reprochoulle ao BNG que levara ao Parlamento galego o sexismo desta campaña impulsada polo Goberno municipal do PP na Coruña porque existen problemas importantes.
Na resposta á pregunta oral formulada polo BNG na comisión primeira do Parlamento galego, a secretaria xeral de Igualdade admitiu que o Observatorio de denuncia da publicidade sexista, que desenvolve a Lei galega contra a violencia de xénero, recibiu 5 queixas de particulares, entre elas, a da concelleira do BNG Avia Veira, polos lemas machistas de Coruña Wapa. Porén, recoñeceu que non contestou as denuncias e que se limitou a trasladarllas ao Concello da Coruña, que fixo oídos xordos e, malia as iniciativas do BNG para a retirada da campaña sexista, seguiu adiante cos lemas Antes muerta que sencilla e La belleza está en el interior del vestidor.
Foi entón cando Carme Adán aludiu ao informe contra a publicidade sexista nos medios de comunicación elaborado no 2008 polo Colexio de Xornalistas de Galiza, un manual da Xunta de Galiza segundo o cal os lemas Antes muerta que sencilla ou La belleza está en el interior del vestidor responden ás características dunha publicidade sexista, dado que reproducen estereotipos e os roles tradicionais da muller. A deputada do BNG lamentou que a secretaria xeral de Igualdade renunciara a convocar a comisión asesora de publicidade non sexista e que non retirase estes anuncios.
Neste contexto, a parlamentar do BNG, que tamén denunciou o uso do topónimo ilegal La Coruña nesta campaña que nos valeu aos coruñeses e coruñesas 180.000 euros, acusou a secretaria xeral de non cumprir co seu papel de máxima responsábel do Goberno galego en materia de Igualdade.