As obras nocturnas da Mariña incumpren a normativa de ruídos do Concello
A Coruña, 16 de outubro de 2014- O Grupo Municipal do BNG denuncia que as obras que están a ter lugar na Mariña en horario nocturno, e que ocasionan un importante ruído, incumpren a ordenanza municipal de contaminación acústica. Así os responsábeis das obras non lle comunicaron á veciñanza afectada a autorización municipal para o desenvolvemento destas obras en horario nocturno, nin as posíbeis condicións impostas para o seu desenvolvemento. E ademais, o Goberno Municipal non informou no Sistema de Información Ambiental Municipal á cidadanía desta autorización, de modo que non está a velar para que a información preceptiva lle chegue ás veciñas e veciños. O BNG exíxelle ao Goberno Local que aclare se hai ou non autorización municipal para realizar estas obras pola noite e, no caso de a haber, que a faga pública xa de inmediato.
As nacionalistas explican que a ordenanza municipal de ruídos, recentemente aprobada no pasado mes de xullo, no capítulo IV relativo a obras e actividades susceptíbeis de producir ruídos, recolle no seu artigo 50.4 que se prohibe a realización de obras que transmitan algún tipo de ruído ou vibración ao interior de vivendas e locais, desde as 21h até as 8h, en días laborábeis. Porén, a propia ordenanza posibilita excepcionar de dito réxime as obras urxentes (art. 50.6.a), caso das obras da Mariña, mais co sometemento ao cumprimento das condicións que sinala o mesmo artigo 50.6 no seu último parágrafo que concretamente di:
A Autorización municipal para estes supostos concederase, previa solicitude, na que se especificará horario, duración, período de actuación, maquinaria utilizada e memoria xustificativa da necesidade da exención do cumprimento da Ordenanza. O contido da autorización estabelecerá a forma en que o responsábel da obra deberá comunicarlle á poboación máis afectada, tanto a autorización como as posíbeis condicións impostas. A autoridade velará para que esta información á cidadanía se faga efectiva polos medios do artigo 5.1 da presente Ordenanza, garantindo que a mensaxe chegue aos seus destinatarios.
Pois ben, estas condicións, sinalan as nacionalistas, non se cumpriron, xa que á veciñanza afectada non lle foi comunicada por parte dos responsábeis das obras nin a autorización das obras neste horario nocturno, nin as posíbeis condicións impostas para o desenvolmento destas neste tramo horario, e ademais, salienta o BNG, o Sistema de Información Ambiental Municipal (que está na web municipal de Medio Ambiente http://www.coruna.es/infoambiental/), que segundo o artigo 5.1 da ordenanza tería que incorporar estas informacións, non recolleu nada. Así o Goberno Local, non garantiu que estas informacións chegasen á cidadanía.