UNHA INICIATIVA DE AVIA VEIRA
O BNG pregúntalle ao Goberno Local por que non reimplantou o carril bus e que vai pasar cos fondos Next Generation que o ían financiar
A concelleira do BNG Avia Veira acaba de rexistrar unha batería de preguntas por escrito para saber por que o Goberno Local -pese a incluír unha partida de 1,6 millóns de euros nos orzamentos do Concello de 2022- non ten reimplantado aínda o carril bus na rúa Juan Flórez, eliminado polo goberno de Carlos Negreira (PP) no comezo do seu mandato (2011-2015).
O carril bus foi implantado no período 2007-2011 por impulso precisamente dunha área gobernada polo PSdeG-PSOE. A súa posta en marcha mellorou notabelmente a mobilidade do transporte urbano na cidade. De forma incomprensíbel foi eliminado polo PP en canto Carlos Negreira alcanzou a Alcaldía.
Mais o tempo decorrido desde que o PP fora derrotado en 2015 até hoxe (anos de gobernos da Marea Atlántica e do PSOE) non serviu para o carril bus ser reimplantado, a pesar de que a súa recuperación apareceu orzada no anexo de investimentos dos orzamentos do Concello de 2022 cunha cantidade de 1,6 millóns de euros, debullada en dúas anualidades: 726.475,83 euros para 2022 e 887.914,91 para 2023.
Eliminado polo goberno de Carlos Negreira (PP), o PSOE levaba no seu programa a reimplantación do carril bus e nos orzamentos de 2022 figuraba unha partida de 1,6 millóns a tal efecto, a executar en dous exercicios
Como fontes de financiamento, a iniciativa ía ter fondos europeos Next Generation por valor de 540.353,92 euros, un préstamo por unha cantidade de 186.121,91 euros e recursos propios do Concello.
Ante a evidencia de nada se ter feito -de, 5 anos após a chegada de Inés Rey á Alcaldía, non se ter dotado a cidade de un só metro de carril bus- , a concelleira nacionalista quer saber cal é o motivo polo que espazo para uso exclusivo do transporte urbano non se repuxo, ao tempo que inquire o Goberno Local se é consciente de que hai máis de medio millón de euros de fondos europeos en xogo.
O BNG inquire o Goberno Local se é consciente de que hai medio millón de euros de fondos Next Generation en xogo
“Pode concretar o Goberno Municipal se o Concello vai ter que devolver os fondos concedidos se non se executar a obra?”, pregúntalle Avia Veira ao Executivo coruñés, a quen cuestiona tamén se é que desistiu “de recuperar unha medida que melloraba notabelmente os tempos dos percorridos do bus na nosa cidade”.
Se non desistiu, daquela cando e en que rúas vai o Goberno Local reimplantar o carril bus, pregunta a modo de conclusión a concelleira do BNG.