UNHA INICIATIVA DE AVIA VEIRA ANTE OS COLAPSOS CIRCULATORIOS DESTA SEMANA

Está o Goberno Local a xestionar que as reformas da Vedra e a Ponte Pasaxe inclúan carrís VAO?

Colapso
Estes días vivíronse atascos monumentais
Os recentes colapsos circulatorios nos accesos a cidade volven pór de manifesto que A Coruña e a comarca teñen un grave problema de mobilidade que non pode ser resolto pola vía do transporte en vehículo privado.
Está o Goberno Local a xestionar que as reformas da Vedra e a Ponte Pasaxe inclúan carrís VAO?

O BNG leva tempo pondo sobre a mesa alternativas, entre elas a de que na anunciada reforma da Avenida da Vedra e da Ponte Pasaxe se inclúa a implantación de carrís VAO -Vehículos de Alta Ocupación-, nomeadamente para o tránsito de autobuses.

A proposta contou co refrendo do Pleno do Concello, que en decembro de 2022 aprobou unha moción do BNG para, entre outras cuestións, formular diante do Goberno do Estado a necesidade de implantar carrís VAO nas reformas da Avenida da Vedra e na Ponte Pasaxe.

Mais non nos consta que esa moción se teña traducido en nada en concreto, polo que a nosa concelleira Avia Veira vén de rexistrar un feixe de preguntas por escrito ao respecto.

Así, Veira inquire o Goberno Local se fixo xestións perante o Goberno do Estado para materializar unha medida que desincentivaría o uso do vehículo particular ao outorgar unha obvia vantaxe ás persoas usuarias do transporte público.

“Cando lle transmitiu o Goberno Municipal esta necesidade ao Goberno do Estado? No caso de que así se fixese, pode concretar o Goberno Local o resultado destas conversas co Estado e se se vai impulsar esta medida?”, pregunta Veira.

Para o BNG, a implantación de carrís VAO é “unha medida efectiva, rápida e económica” que, en todo caso, tería de ser acompañada doutras como o desenvolvemento dun servizo de tren de proximidade para a comarca, o impulso ao transporte marítimo ou a construción de aparcadoiros disuasorios ben conectados co transporte público urbano.

 

 

Está o Goberno Local a xestionar que as reformas da Vedra e a Ponte Pasaxe inclúan carrís VAO?