COMPARECENCIA DE COSME DAMIÁN ROMAI COUSIDO NA COMISIÓN QUE PRESIDE JORQUERA
Hábitat achega unha "perspectiva novidosa": a nova fronte marítima debe ter en conta que o cambio climático xa está aquí
O BNG quer pór en valor a “perspectiva novidosa” achegada por Hábitat, a de que calquera deseño da nova fronte marítima da Coruña debe partir dun feito: “O cambio climático non é unha hipótese de futuro, é unha realidade xa”. “Do mesmo xeito que o é a suba do nivel do mar”, remarca Jorquera.
Nese sentido, e no que ten a ver coa liña de costa, segundo puxo en destaque Romai Cousido, cómpre prever a suba do nivel do mar e as eventuais zonas de asolagamento. Sería, por tanto, preciso planificar a renaturalización de treitos da costa con solucións que sirvan de mitigación para este problema.
De acordo coas valiosas achegas de Hábitat, tería que se contemplar a renaturalización do Río Monelos en distintos treitos periurbanos e urbanos e na súa desembocadura, como tamén a recuperación do patrimonio arquitectónico, a integrar no conxunto o Castelo de San Diego, descubrindo os cimentos ou procedendo á súa reconstrución.
A nova fachada marítima constitúe tamén unha magnífica oportunidade para a ampliación de zonas verdes -das que A Coruña é enormemente deficitaria- e para as interconectar a través de corredores que permitan a comunicación dos distintos ecosistemas.
“Concordamos absolutamente con Hábitat en que no deseño da denominada fachada marítima é fundamental ter en consideración os aspectos medioambientais e moi nomeadamente o impacto que xa no presente están a representar as alteracións climáticas”, engade Jorquera, quen conclúe a agradecer “o rigor e a importancia das achegas feitas polo grupo naturalista Hábitat”.