O novo PXOM consolida o pelotazo da recalificación de 1998 na contorna da Torre de Hércules
A Coruña, 20 de decembro de 2012.- A pesar do pouco tempo que tivo o Grupo Municipal do BNG para analizar con detalle toda a nova documentación do PXOM, cos cambios introducidos (dado que lle foi entregada onte, mércores, ás 18 horas) con toda inseguridade xurídica que isto supón (emitir a súa opinión sobre un documento que cambia constantemente), os nacionalistas poñen de manifesto que o PXOM, aínda cos cambios introducidos en virtude do informe da Dirección Xeral de Patrimonio, consolida, con erros evidentes de novo na documentación, o pelotazo da recalificación de 1998, impulsada por Paco Vázquez na contorna da Torre. Aínda que se teñen que localizar o residencial na parte inferior da canteira sobre rasante dos viarios existentes e non se permite a mamotretada que recollía o Estudo de Detalle de 2002 (especialmente, a mamotretada de 16 metros que era aprobada en agosto en relación cos usos comerciais), o PXOM recoñécelles aos propietarios do polígono de Santo Amaro o aproveitamento urbanístico que recollía este estudo de detalle e o Proxecto de Compensación de 2008 (37.171 m2), só que se lle cambia a localización física, desprazándoos de Santo Amaro a Durmideiras.
Non se incorporan os Estudos de Detalle aprobados no 2000-2001 como planeamento subsistente, mais si se mantén o seu instrumento de xestión urbanística (isto é, a reparcelación dos terreos, proxecto de compensación do POL, aprobado en XGL 24 de xaneiro de 2008 coa abstención do BNG e publicado no BOP do 6 de marzo de 2008), de modo que os mamotretos do Estudo de Detalle non se executan pero si se lles recoñece aos propietarios o citado aproveitamento urbanístico do ED.
Deste xeito, o Goberno do Sr. Negreira ampara e premia uns promotores que non teñen ningún dereito nin a indemnizacións nin a aproveitamentos urbanísticos. Hai que lembrar que os Estudos de Detalle destes mamotretos, que datan do 2001 e do 2002 e que contaron co voto en contra do BNG, son nulos de pleno dereito, ao non terse requirido o informe previo correspondente de Patrimonio.
O Goberno municipal desoe a Patrimonio respecto dos usos terciarios en Durmideiras nunha nova demostración da súa xestión chapuceira, evidenciando que cada día cambia o plan, con toda a inseguridade xurídica que isto supón
Xa non se pode pedir máis do Goberno municipal, que cada día que pasa debería pensar seriamente en constituírse nunha sociedade de xestión de chapuzas a domicilio. Así, cada día que pasa, a inseguridade xurídica na tramitación para a aprobación do PXOM increméntase por causa dos erros que se producen en cada fase da tramitación. Non só se lles entrega unha documentación incorrecta aos membros da oposición, senón que ademais, cada vez que se pretenden subsanar se evidencian máis erros en cada documento entregado. E isto é o que pasa, precisamente, no caso concreto do parque da Torre de Hércules, cuxa documentación foi entregada con erros garrafais na última hora da mañá do martes e que pretenderon subsanarse ao longo do día de onte mércores. Pois ben, analizada a nova documentación corrixida conforme ao que esixía a Dirección Xeral de Patrimonio, resulta que esta nova documentación volve ter erros garrafais en relación aos usos terciarios, pasando do que a tales efectos tiña indicado a propia Dirección Xeral.
No seu informe, Patrimonio empraza a que "no texto da ficha deberá sinalarse expresamente que a edificación residencial de PB+5 plantas deberá disporse no ámbito inferior da canteira, na rasante dos viais xa existentes do polígono de Durmideiras, e na implantación dos usos terciarios e de ocio dentro da área de movemento da edificación deberán contemplarse medidas tendentes á menor alteración posíbel do terreo natural, sendo a rasante actual a que limitará a altura máxima dos novos edificios, co fin de evitar que acaden alturas equivalentes aos dos novos bloques de uso residencial". O texto da ficha modificada recolle esta apreciación de Patrimonio. Porén, a ficha modificada, no canto de advertir de que os usos terciarios e de ocio non acaden alturas equivalentes aos dos bloques de vivendas, di expresamente, "con el fin de que alcancen alturas equivalentes a los nuevos bloques de uso residencial".
Os nacionalistas pregúntanse como é que pretenden que emitamos a nosa opinión sobre o PXOM, cando este, nun serial realmente inaudito de chapuzas dignas de formar parte da crónica oficial da historia da Coruña do que non debe facerse, non é fiábel, precisamente, porque non é definitivo.